Site icon Crónica3.com A Mariña

Muras celebrará o 28 de setembro unha nova edición da Feira do Poldro

O Concello de Muras organiza a feira, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Muras, 17 de setembro de 2025. O Concello de Muras celebrará o vindeiro 28 de setembro unha nova edición da Feira do Poldro e do gando do monte, co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Rural Daniel García, o alcalde de Muras Manuel Requeijo, a tenente de alcalde Paula Gómez , acompañadas polo presidente da Asociación de Cabaleiros Atila Benigno Gómez e por Moisés García, vogal de Puraga, presentaron no Alto da Gañidoira o programa da feira, que cumpre trinta e sete edicións.

Arredor da feira, que abrirá ás 10.00 horas, desenvolveranse diferentes actividades de posta en valor da tradición gandeira e de promoción da carne de poldro. Entre elas, o concurso de gando da feira, un certame morfolóxico de Puraga, carreiras de andadura e unha degustación de hamburguesas de carne de poldro de Pura Raza Galega. O recinto da feira contará tamén cunha demostración de talla de madeira e unha carpa con actividades infantís de iniciación no mundo do cabalo, así como ambientación musical.

A tenente de alcalde e coordinadora da feira Paula Gómez destacou a continuidade de actividades como as carreiras de andadura, que se celebran por terceira edición e que teñen un gran seguimento, ou a demostración de talla de madeira, coa que o Concello está creando unha colección de figuras.

Alén diso, destacou como un dos obxectivos fundamentais da feira “a promoción da carne de poldro e de bovino que se produce en Muras, de excelente calidade” e seguir abrindo canles para que as vaciñas e veciños que se dedican á gandería, como actividade principal ou complementaria, poidan rendibilizar o seu traballo”.

O alcalde de Muras Manuel Requeijo destacou nese sentido outras iniciativas que se promoven desde o Concello para impulsar a comercialización dos produtos de Muras, como a creación da marca Muras, un proxecto no que a Vicepresidencia da Deputacion e o Concello traballan coa Universidade de Santiago.

Daniel García destacou “que a Feira do Poldro de Muras é un espello no que se miran outras feiras cabalares ou de gando da provincia e do país, e no que miramos tamén desde a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación para poñer en marcha iniciativas de promoción dos produtos de razas autóctonas” e valorou “a plataforma que ofrece a feira para recoñecer e trasladar ao conxunto da sociedade o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte”

As ganderías interesadas en participar no certame de gando poden inscribirse ata o 22 de setembro. Tamén está aberto o prazo para anotarse na carreira de andadura,ata o 19 de setembro.

Un gusto de rural, un rural degusto

Nas vésperas da feira, o 26 e 27 de setembro, locais hosteleiros de Muras – Bar Santi e Chiringuito de Muras – ofrecerán degustacións de carne de poldro de Pura Raza Galega a partir das 20.00 horas no marco do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto.

Programa

Domingo, 28 de setembro

– 10.00 h. Apertura da feira

– 10.30 h. Calificación do gando

– 11.00 h. Exhibición de escultura de madeira con motoserra

– 11.15 h. Concurso morfolóxico Puraga

· 12.00 h. Degustación de hamburguesa “Gañidoira” de carne de poldro 100% Raza Autóctona

– 12.00 h. Presentación de carreiras de andadura

– 12.15 h. Carreiras andadura (-1,51)

– 15.15 h. Presentación de carreiras de andadura

– 15.30 h. Carreiras andadura (+1,51 e SUB 16)

Actividades infantís de balde:

Bautismo hípico (Pony Club), de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas
Hinchables e toro mecánico, de 11.30 a 14.30 horas.

Exit mobile version