Mondoñedo acolle desde este verán a sede da Asociación Española de Coleccionistas de Dragon Ball, unha iniciativa que xorde da paixón compartida de tres coleccionistas e que se converte na primeira entidade de ámbito nacional dedicada exclusivamente a esta faceta cultural e de lecer.
O proxecto foi impulsado polos seguintes socios fundadores:
Jose Pablo Hernández Maseda, presidente da asociación.
Mayra Rico Oral, tesoureira.
César Fernández Martín, secretario.
O obxectivo da Asociación Española de Coleccionistas de Dragon Ball é reunir, visibilizar e poñer en valor coleccións de todo tipo relacionadas coa saga: dende figuras de edición limitada ata cómics, libros, carteis, xogos ou obxectos de merchandising que forman parte da historia desta obra xaponesa que marcou xeracións.
Segundo sinalan os seus responsables, “non pretendemos xuntar todas as pezas nun mesmo lugar, senón darlles visibilidade, catalogalas e compartir o seu valor co público. Cada socio poderá amosar aquelas que considere máis valiosas, e no futuro queremos organizar exposicións colectivas”.
A Asociación Española de Coleccionistas de Dragon Ball naceu oficialmente o 8 de xullo de 2025, coincidindo co proceso de rexistro da entidade no Ministerio do Interior e na Axencia Tributaria.
Entre os plans inmediatos da Asociación Española de Coleccionistas de Dragon Ball están a creación dun rexistro de socios, a posta en marcha de actividades culturais e a organización de futuros encontros e exposicións. A asociación subliña o seu carácter pioneiro, non só na Mariña e en Galicia, senón tamén en todo o Estado.