Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo reuniuse coa conselleira do Mar para planificar a mellora das infraestruturas portuarias do municipio

Ribadeo, 10 de setembro de 2025. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, mantivo unha reunión de traballo coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, para planificar a mellora das infraestruturas portuarias do municipio.

O rexedor municipal ribadense explica que analizou coa conselleira do Mar “obras que se van facer nestes momentos, obras que se están executando xa e tamén a planificación do seguinte ano. Eu creo que para ter unha xestión importante para o municipio é bo planificar e estar todos os días pendentes destas inversións fundamentais para ir pouquiño a pouco mellorando o noso Ribadeo”.

Dani Vega especifica: “nestes momentos estamos xa actuando na zona portuaria de Rinlo, para mellorar ese lugar onde había uns contedores que non funcionaban e todo estaba bastante deteriorado. Agora vai haber un rematado de adoquín e unha nova pasarela. En definitiva, todo un cambio que irá pouquiño a pouco mellorando esta zona, pero xa hai unha primeira inversión e se está actuando. Tamén nas próximas semanas licitaremos a rúa Buenos Aires, máis de 400.000 euros para mellorar, para modificar, para actualizar unha rúa que necesita inversión. Nestes momentos non estivemos parados: redactouse o proxecto e solicitáronse todos os informes sectoriais, tanto a Portos de Galicia, Patrimonio, Urbanismo, Costas; en definitiva a todos os estamentos da Xunta que teñen que informar para poder licitar o Concello. E nestes momentos xa os temos todos favorables e licitaremos nas próximas semanas para así dar comezo tamén rapidamente ás obras de mellora rúa Buenos Aires”.

O alcalde de Ribadeo engade que na reunión coa conselleira do Mar abordaron ademais outros asuntos: “valoramos, evidentemente, toda a mellora da zona portuaria, que se aglomerou, e agora xa pedimos actuar para realizar melloras na zona comercial, tamén na zona pesqueira e na zona náutica deportiva. Presentamos todos os proxectos e nos próximos días esperemos que a conselleira visite Ribadeo e anuncie toda unha serie de inversións; pouco a pouco vamos actuando para mellorar toda esta zona portuaria, pero con disciplina orzamentaria, con responsabilidade e evidentemente a xestión ten que ser planificada; non todo de golpe senón programado e cunha planificación para poder facer as cousas con sentido e con responsabilidade”.

Vega remata destacando que foi “unha reunión moi produtiva. Xa hai unha inversión desta Consellería dende o dragado, que tamén volvemos falar de dragar porque vamos necesitalo en breve. Todo está indo cunha planificación e cunha rigorosidade presupostaria e evidentemente pensando en que toda esta zona do porto, en Ribadeo, debe mellorar e avanzar, como o resto do concello. Polo tanto foi unha boa reunión, produtiva e planificada de inversións”.

Exit mobile version