Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo denuncia “as promesas incumpridas do goberno municipal sobre o novo campo de herba artificial”

Ribadeo, 29 de setembro, 2025. No comezo dunha nova tempada, o BNG de Ribadeo denuncia “as promesas incumpridas do PP sobre a construción do necesario e prometido novo campo de herba artificial”. Ademais, o BNG de Ribadeo pídelle ao PP “que deixen o sectarismo e valoren o proxecto presentado polo Bloque e aprobado nunha moción no pleno municipal para que a instalación se leve a cabo nos terreos anexos ao Pepe Barrera”.

O voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso indica que: “Estes días comeza unha nova tempada de fútbol e as pícaras e pícaros de Ribadeo seguen sen un campo de herba artificial para este deporte cada vez máis practicado. No noso programa levábamos un proxecto para construír o campo nos terreos anexos ao Pepe Barrera. Ademais, a finais do ano pasado presentámos unha moción no pleno, que foi aprobada, para que así se levase a cabo”.

“Un ano despois, o goberno de Daniel Vega foi incapaz de dar solucións a esta problema. As familias seguen reclamando respostas e desde o BNG de Ribadeo consideramos que a mellor opción segue sendo a que nós presentámos, por proximidade e flexibilidade. Pedímoslle ao goberno do PP que deixen o sectarismo e as promesas incumpridas e se poñan a traballar en dar solucións reais e áxiles. Que pensen en todas as familias de Ribadeo que se verían beneficiadas por este proxecto tan necesario; a elas se deben e para elas traballan. Xa non é tempo de promesas; é tempo de actuar”, conclúe.

Exit mobile version