A concelleira nacionalista Iria Cotelo lembrou que durante o verán as actividades da Casa da Xuventude foron escasas pola falta de persoal, unha carencia que a Xunta de Galicia leva tempo sen resolver malia as peticións reiteradas. “Non pode haber unha programación estable e de calidade para a mocidade sen un monitor que coordine o día a día”, sinalou.
O concelleiro Juan Ramón Martínez puxo o foco na parte cultural: “A creación dun auditorio ao aire libre permitiría diversificar a oferta municipal e dar máis protagonismo á música, ao teatro, á danza ou á poesía, equilibrando así o peso que hoxe teñen as instalacións deportivas respecto das culturais”.
Pola súa banda, Seve Salgueiro criticou que a decisión de instalar pistas de pickleball no Espazo Xove non foi consensuada coa mocidade, deixando un baleiro evidente no eido cultural. “O goberno local acaba de anunciar máis pistas deportivas no Casino. Vemos moi positivo apoiar o deporte, pero é imprescindible dar tamén oportunidade ás actividades culturais”, afirmou.
O BNG avoga así por un Espazo Xove vivo e plural, que atenda á diversidade de intereses da xuventude e sirva de punto de encontro para colectivos culturais e asociacións do municipio.