Unha ruta circular con seguridade
“Dada a alta cantidade de veciñas que usan a pista que rodea Montevelle, ben para acceder aos circuítos BTT do Komando Xoviético ou para correr e andar, cremos que sería importante facelo con seguridade. Isto implica que os usuarios non teñan que camiñar pola estrada ata enlazar preto da gasolineira. O que propuxemos dende o BNG é que se estude a posibilidade de habilitar unha parte dos montes que limitan coa estrada de xeito que collan dúas persoas xuntas ou unha bicicleta sen ningún tipo de perigo”, explica o edil do BNG Miguel García.
Deficiencias no parque infantil do Centro Cívico
“Tamén detectamos unha serie de deficiencias no parque infantil que poden afectar á seguridade dos máis pequenos do noso concello e de usuarios de fóra. Non é a primeira vez que temos que facer este tipo de avisos e tampouco intentamos responsabilizar aos traballadores do concello, cremos que é necesario estar mais pendentes do estado do mobiliario que é propiedade do concello para non chegar á situación actual de algunhas das pezas” explica a voceira nacionalista local Pilar Vázquez. “ Tamén somos conscientes de que temos moi recentes as festas de Xove e que isto puido afectar, por iso tamén facemos un chamamento ao coidado do mobiliario públicos que pagamos e mantemos todas”, conclúe Vázquez.
Extinción do servizo público da Escola Municipal de Xove
Noutra orde de asuntos, votouse a extinción do servizo público da Escola Municipal de Xove logo de trinta anos de servizo. “O BNG, logo de votar a favor da subvención ao novo Club Rítmica Xove en xullo, ao que aproveitamos para desexarlles toda a sorte do mundo, só pode votar a favor deste trámite que é a extinción do servizo público ao extinguirse tamén a escola. É unha pena pois trátase da enésima privatización dun servizo público do concello e tamén a única escola deportiva que era xestionada polo mesmo. Agora case a totalidade das actividades e programacións deportivas que teñen lugar en Xove pasan a ser responsabilidade dos clubs e asociacións” advirte Vázquez.