O pleno da Deputación aprobou as dúas propostas presentadas pola formación nacionalista
O inicio do curso escolar evidenciou un ano máis as carencias dos centros de ensino públicos da provincia , especialmente nos concellos do ámbito rural. A voceira do BNG Iria Castro explicou que “a Xunta de Galicia recorta persoal e incumpre as súas propias ratios” e puxo como exemplo os colexios de Portomarín que, con máis alumnado terá menos docentes, o do Páramo, onde se agrupan 37 alumnos de diferentes ciclos e idades en dúas aulas e se recortan dous profesores; o colexio do Saviñao, que terá dúas profesonar menos, o Lois Peña Novo de Vilalba,onde se recortan tamén dous profesores, ou o CEIP de Covas, o IES de Foz ou o IES Leiras Pulpeiro, onde faltan docentes de Pedagoxía Terapeutica ou Audición e Linguaxe.
A deputada nacionalista puxo de manifesto que a Consellería utiliza como norma os “parches” e a “improvisación”, ademais de ofrecer números enganosos en canto ao profesorado, escondendo contratos a media xornada e itinerancias. Alén diso, denunciou con contundencia “o mercadeo” cos servizos públicos que o Partido Popular está a facer neste inicio do curso, “negociando” a contratación de profesorado en función de intereses electorais do Partido Popular.
“Como se escolle que centros negocian e cales non? Vostedes mercadean cos servizos públicos. Utilízanos para intentar perpetuar a súa política de caciquismo e servilismo e tratan as persoas como se fosen de primeira ou de segunda dependendo dos seus intereses electorais”, concluíu a deputada.
O BNG reclama un xiro cara a prevención e a ordenación do monte na política contra os lumes
O pleno aprobou tamén unha moción do BNG que demanda á Xunta de Galicia un xiro das políticas contra os lumes para centrarse na prevencíon e na ordenación do monte. O deputado Daniel García, que comezou a intervención con palabras de apoio e solidariedade para a veciñanza afectada e para o persoal de extinción , sinalou o “abandono da xestión forestal” por parte da Xunta de Galiza como un dos factores críticos fronte aos incendios.
“Os montes ocupan o 65% da superficie terrestre de Galicia, con 1,3 millóns de hectáreas de bosques e plantacións forestais. Hai máis de 600.000 propietarios forestais, dos cales a inmensa maioría non residen onde se atopa a propiedade forestal”, recordou o deputado para sinalar que “falta ordenación territorial. Debemos apostar por modelos de xestión que incidan no mosaico tradicional e permitan a discontinuidade das masas forestais contínuas”.
O deputado nacionalista sinalou que “temos normativa e leis máis que suficientes para aplicar políticas reais e eficaces de prevención dos lumes. Só precisamos vontade política. Algo que vostedes non aplican”, analizou o deputado nacionalista, que lembrou como o Partido Popular negou problemáticas advertidas desde o ámbiro municipal como “ a falta de medios e recursos dos concellos para asumir a xestión e o mantemento das redes de faixas secundarias ou aplicar os plan de prevención de incendios”.
O deputado nacionalista denunciou tamén que a Xunta teña sen asignar 2,5 millóns de euros de fondos europeos (FEADER) para acometer traballos de prevención de incendios como a creación de cortalumes e a limpeza das pistas forestais.