A alcaldesa, Dolores García Caramés, explicou que “a cuestión de fondo é que non existen médicos suficientes e, mentres non se convoquen máis prazas e non se forme novo persoal, seguiremos sufrindo recortes e demoras”. Nese sentido, apelou ao Executivo central a incrementar de maneira urxente a oferta pública de emprego, garantindo que haxa facultativos para cubrir as necesidades actuais e futuras.
Caramés fixo fincapé no seu interese e no seguimento constante da situación, destacando que mantén contacto diario coa xerencia da área sanitaria Lugo – A Mariña e Monforte de Lemos, tanto por vía telefónica como en reunións presenciais, como a celebrada este verán. “A saúde da nosa veciñanza é unha prioridade absoluta para este Goberno municipal, e por iso estamos a traballar con rigor e responsabilidade para defender unha sanidade pública de calidade e con asistencia garantida”, apuntou.
A rexedora incidiu, ademais, en que “é fundamental que se manteñan os tres médicos que actualmente prestan servizo nos centros de saúde do Concello, porque iso garante unha atención mínima imprescindible para os nosos veciños e veciñas”.
O Concello de Cervo reitera así a súa aposta por un sistema sanitario público sólido e reclama ao Estado un compromiso firme para dotar de máis profesionais o conxunto da rede asistencial.
Engadiu que “non se pode pedir á Xunta que cubra prazas que simplemente non existen. Necesitamos que o Estado faga a súa parte e aumente a oferta de emprego público para garantir que haxa profesionais dispoñibles. Só así poderemos ter unha sanidade xusta e de calidade”.