Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo promove un ciclo de formación e sensibilización en corresponsabilidade

Cervo, 12 de setembro, 2025. O Concello de Cervo celebrou este xoves, na Casa da Cultura de San Cibrao, a primeira das charlas de formación en corresponsabilidade, en colaboración con UniSer Coaching.

A sesión levou por título “Corresponsabilidade na comunicación afectiva funcional”.

Este ciclo enmárcase dentro do Plan Corresponsables en Cervo 2025, financiado pola Unión Europea e pola Xunta de Galicia, que promove, neste caso accións de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade e coidados, facendo especial fincapé na participación activa dos homes e das familias.

Desde o Concello de Cervo destacan que este tipo de iniciativas son fundamentais para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria, xa que ofrecen ferramentas prácticas para mellorar a comunicación nas relacións persoais, fomentar unha educación en valores de respecto e empatía, e impulsar a corresponsabilidade tanto no fogar como nos centros educativos.

Ademais, contribúen a previr situacións de desigualdade, conflito e violencia, promovendo unha convivencia baseada na cooperación e na corresponsabilidade compartida.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, subliñou que “apostamos firmemente pola corresponsabilidade como un valor fundamental para o benestar das familias e da sociedade en xeral. Con este ciclo de charlas queremos abrir espazos de reflexión e aprendizaxe que axuden a compartir responsabilidades e a educar en igualdade desde as idades máis temperás”.

As próximas citas serán as seguintes, sempre ás 18:00 horas:

Xoves 18 de setembro – Corresponsabilidade na educación sobre o acoso escolar
Martes 23 de setembro – Corresponsabilidade na educación sobre a motivación e disciplina
Xoves 25 de setembro (online) – Corresponsabilidade na educación sobre o uso das tecnoloxías

O Concello de Cervo anima a toda a veciñanza a participar neste espazo de encontro, aprendizaxe e reflexión colectiva, que busca non só formar, senón tamén xerar conciencia sobre a necesidade de compartir responsabilidades e coidados para construír unha sociedade máis xusta e corresponsable.

Exit mobile version