Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba acondiciona a Travesía dos Pasos cunha actuación integral de limpeza e mellora da seguridade viaria

O goberno local retirou o antigo valado, limpou a maleza e residuos acumulados e instalará un novo peche e formigón na beirarrúa para garantir un espazo salubre e seguro para os veciños e veciñas

Vilalba, 30 de setembro de 2025. O Concello de Vilalba vén de acometer unha actuación integral na Travesía dos Pasos, concretamente nunha das beirarrúas onde se atopa un solar cunha construción abandonada que xeraba continuas molestias á veciñanza polo crecemento da maleza e a acumulación de residuos.

A intervención municipal consistiu na retirada do antigo valado, que se atopaba en mal estado, para substituílo por outro novo que garanta a seguridade dos viandantes. Ademais, realizouse unha limpeza completa da zona, retirando toda a vexetación e os residuos acumulados. Nunha fase posterior aplicarase formigón sobre a beirarrúa, deixando o espazo totalmente acondicionado, seguro e en condicións salubres.

A alcaldesa, Marta Rouco, explicou que esta actuación responde á “necesidade de dar unha solución a unha situación que estaba a afectar á calidade de vida dos veciños e veciñas da zona, xa que a maleza e os residuos acumulados xeraban problemas de salubridade e inseguridade”.

Rouco lembrou tamén que, ao tratarse dunha parcela privada, o Concello non pode actuar dentro da mesma, pero si “velar por que o estado de abandono desta propiedade non repercuta negativamente no resto da veciñanza”.

“Este tipo de accións son unha mostra do compromiso do goberno local con mellorar o día a día dos veciños e veciñas, acondicionando espazos que, aínda que non sexan de titularidade municipal, repercuten directamente na vida da xente”, concluíu a rexedora.

Exit mobile version