Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba informa do remate en outubro das obras de mellora do firme en varias rúas do polígono industrial

Vilalba, 18 de setembro de 2025. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, supervisaron o avance das obras de mellora do firme en varias rúas do polígono industrial.

O concello foi o encargado de facer o proxecto de obra, “moi traballado e deseñado para optar a unha convocatoria de subvencións de concorrencia competitiva da Consellería de Industria, nas que se valoraron por puntos as actuacións”, explica a alcaldesa.

As obras contan cun orzamento de 190.000 euros, dos que 70.000 son fondos propios do concello e 120.000 proceden da suvención acadada. Permitirán renovar o firme e a sinalización nas rúas do Castiñeiro, do Salgueiro e Acivro.

Está previsto que os traballos rematen a mediados de outubro, mellorando o tráfico e a seguridade viaria en rúas moi transitadas por camións e vehículos pesados.

“Con este tipo de actuacións damos resposta ao compromiso acadado coa Asociación de Empresarios para mellorar as dotacións públicas do polígono”, engade Marta Rouco.

Vilalba é tamén considerado ‘Concello Emprendedor’, o que beneficia con importantes rebaixas fiscais ás empresas de nova creación e ás que xeran emprego.

Exit mobile version