Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba reforzará o Servizo de Madrugadores co que iniciou o curso para dar resposta ás novas demandas das familias

“As medidas de conciliación melloran a vida diaria da veciñanza e fan posible que se quede a vivir en Vilalba”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco

Vilalba, 26 de setembro de 2025. O Concello de Vilalba reforzará o Servizo de Madrugadores co que comezou o curso escolar 2025/26 para dar resposta ás novas demandas das familias.

O concello xa iniciara o curso cun aumento de prazas, ata as 110, chegando ademais por primeira vez a un colexio do rural, o CEIP Terra Chá (no CEIP Monseivane ofertouse tamén, pero non hai polo momento suficiente demanda).

Agora, dando resposta ás últimas demandas das familias, modificará o contrato para ofertar 20 prazas máis de Madrugadores no CEIP Mato Vizoso, das que 11 xa se solicitaron e están en lista de agarda.

Por outra parte, na Escola de Educación Infantil de Vilalba haberá un terceiro monitor para atender de forma correcta ao alumnado con necesidades especiais.

“As medidas de conciliación melloran a vida diaria dos veciños e veciñas e fan posible que se queden a vivir en Vilalba”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco, “e no caso do servizo de Madrugadores, permiten que as nais e os pais poidan chegar aos seus postos de traballo”.

O Concello de Vilalba destina un millón de euros a xestionar de forma directa servizos nos centros educativos, a pesares de que as competencias do ensino público son da Xunta de Galicia.

Exit mobile version