Esta actuación, incluída no convenio subscrito entre o Concello e Turismo de Galicia, é esencial para que Viveiro poida seguir recibindo equipos que atraen seareiros e visitantes, ao tempo que reforza a actividade do equipo local
A actuación realízase no marco do convenio asinado recentemente entre o Concello coa Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, que ten como obxectivo reforzar a promoción turística, cultural e deportiva de Viveiro.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, salientou que «ter o campo en condicións óptimas é fundamental tanto para o deporte local como para seguir acollendo torneos que atraen visitantes e teñen impacto turístico en Viveiro». Lembrou que estes eventos permiten a chegada de equipos con forte vínculo coa vila e gran repercusión como, entre outros, o Real Madrid Castilla.
Deficiencias detectadas e actuacións técnicas
O informe técnico elaborado no mes de xuño detectou diversas deficiencias no terreo de xogo: céspede en mal estado por abonado insuficiente, acumulación dunha capa vexetal envellecida, presenza de herba seca e dureza excesiva do solo, que incrementaba o risco de lesións.
Para reverter esta situación estanse a desenvolver diferentes traballos encamiñados a rexenerar o céspede e mellorar a estrutura do terreo. As tarefas consisten en escarificar e airear o chan para retirar a vexetación envellecida, realizar pinchados que permiten introducir area e mellorar a drenaxe, e aplicar un recebado combinado cunha resementeira que axuda a recuperar a cobertura vexetal de maneira uniforme. Ademais, aplicarase abonado específico para fortalecer o crecemento e corrixir o pH do solo. Tamén se actuará nunha zona, onde é necesaria a extracción de terra e a preparación do terreo, coa posterior subministración e colocación de tepe.
Conxuntamente, estas actuacións permitirán que o campo recupere unhas condicións axeitadas, máis seguras para quen xoga e cunha conservación asegurada a longo prazo.