Reclama a colaboración da veciñanza para que non se repitan episodios como o que se está a dar na avenida de Lourdes, onde se está a elaborar un mural urbano
Segundo a Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia, Limpeza e Residuos, as persoas que depositen voluminosos na rúa sen autorización poderán ser sancionadas. As infraccións leves levan aparelladas multas de ata 750 euros, mentres que as graves poden ascender ata os 1.500 euros no caso de reincidencia ou se se ocasiona un risco para a saúde pública ou o medio ambiente. O Concello xa ten previsto iniciar a imposición de sancións a quen incumpran a normativa.
O Concello pide a colaboración da veciñanza para que non se depositen voluminosos en espazos non habilitados. Lémbrase que esta práctica está prohibida e que respectar a normativa é fundamental para garantir a limpeza, preservar o espazo público e manter en bo estado as intervencións artísticas que se desenvolven en Viveiro.
Ademais, desde o goberno local lémbrase que existen servizos municipais e puntos autorizados para a correcta xestión destes residuos. A veciñanza pode solicitar a recollida de obxectos voluminosos a domicilio, de xeito gratuíto, mediante aviso previo no teléfono 697 162 637. Tamén poden entregarse no Punto Limpo municipal, situado en A Patarroa–Escourido (Covas).