O Goberno local insiste na necesidade de diálogo coa institución provincial para garantir unha tradición que tamén é motor turístico, económico e cultural do Nadal viveirense
A falta de tres meses para o Nadal, descoñécese se a Deputación vai colaborar nesta edición, o que pon en risco a continuidade da iniciativa. «Falamos dun evento que, ademais das connotacións relixiosas que poida ter, supón un motor económico e un atractivo fundamental para o comercio local e para o conxunto da vila», subliñan desde o Goberno municipal.
O Concello lembra que vén solicitando de maneira reiterada unha reunión coa Deputación para falar deste e doutros asuntos de interese para Viveiro, sen que, ata o momento, se obtivera resposta. «É preciso saber canto antes se este Nadal poderemos contar co Belén xigante, porque hai unha empresa implicada na súa xestión que ten que planificar o seu traballo, e, tamén, porque a veciñanza espera seguir gozando dun símbolo que forma parte da identidade de Viveiro», engaden.
O Goberno municipal destaca, ademais, a súa disposición ao diálogo e á colaboración: «Estamos abertos a buscar solucións ou mesmo a que a Deputación articule directamente a cooperación coa asociación de Amigos do Casco Vello, que é a que cada ano se implica na instalación do Belén, ou mesmo coa Asociación de Comerciantes, se así o estima oportuno».
«O noso único obxectivo, igual ca o da asociación de Amigos do Casco Vello e da Asociación de Comerciantes, é que Viveiro poida seguir contando cun Belén xigante que durante décadas foi un sinal de identidade e un referente turístico e cultural das nosas festas», conclúen.