Site icon Crónica3.com A Mariña

O evento Soberanía Dixital VII: Contralgoritmia chega este venres a Ribadeo

Ribadeo, 16 de setembro, 2025. O venres 19 de setembro, ás 7 da tarde, a Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho de Ribadeo (r/Antonio Otero, 19), acollerá o evento Soberanía Dixital VII: Contralgoritmia organizado por amarinha.gal. Unha actividade pensada para achegar ó público en xeral a unha mellor comunicación e comprensión do control que podemos sufrir co uso dos programas informáticos a través das redes que usamos para comunicarnos.

A actividade consistirá nunha presentación, exemplos, reparto de fanzine e máis, incluído un coloquio no que participará toda persoa interesada. Esta é a sétima actividade do ciclo que se está a desenvolver ó longo de 2025, impulsado polo grupo amarinha.gal, en locais solicitados e concedidos polo concello para sucesivas presentacións e talleres sobre a necesaria a moitas veces esquecida necesidade de soberanía dixital.

Como complemento, será repartido por amarinha.gal un novo fanzine en galego, neste caso con artigos relacionados coa invasión das nosas vidas polos algoritmos programados por grandes empresas e institucións.

A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas, interesadas en mellorar o seu coñecemento sobre como os algoritmos tentan controlar e dirixir a nosa vida, e as consecuencias disto.

As actividades do ciclo ata o momento trataron de:

– Retomando as prazas públicas / Redes sociais
– Temos en común o coñecemento da Wikipedia / Mundo Wikimedia
– Sistemas operativos / Linux
– Blogs, información descentralizada / Unha alternativa informativa
– A IA. Posibilidades e perigos / Un tema enfocado ó futuro
– Dominio público / Tamén teu

Exit mobile version