José María Fernández explica que meses atrás o alcalde votou en contra de crear un albergue para peregrinos no casco urbano de Trabada “e onte tivemos que ver como anunciou a próxima creación desta instalación, apropiándose totalmente dunha idea defendida polo PP e que el rexeitou co seu voto”
O voceiro municipal, José María Fernández, explica como “onte tivemos que ver nas redes sociais do Concello de Trabada como o alcalde anuncia a idea de crear un segundo albergue de peregrinos no municipio”, a pesar de que xa temos un na parroquia de Sante, que se fixera no anterior mandato. “Naquel momento, no PP insistimos que o mellor era crear o albergue no casco urbano, algo que o alcalde rexeitou e agora defende como propio”, denunciou.
“O máis lóxico era crear o albergue no casco urbano, porque os peregrinos cando chegan a este lugar de descanso tras realizar unha etapa do Camiño necesitan diferentes servizos, como farmacia, alimentación ou hostalería, que non hai na parroquia de Sante pero si no casco urbano”, sinalou.
José María Fernández recorda como o ano pasado o alcalde tentou crear este segundo albergue noutra localización, “pero non foi capaz de levalo adiante, de aí o cambio de lugar que agora propón”.
Dende o PP consideramos que Trabada debe contar cun albergue municipal, localizado no casco urbano, “pero é unha mágoa que se perderan tantos anos porque se deixaron pasar moitas oportunidades de potenciar o Camiño, que pode ser unha fonte de riqueza importante para Trabada”.