Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP advirte da “calamitosa xestión económica de alcaldes socialistas que Tomé tenta tapar con convenios a dedo para manterse á fronte da Deputación e do PSOE lucense”

Ameijide advirte que “a xestión económica do PSOE en Lugo endebeda e arruína a moitos concellos” e, co seu apoio incondicional, “Tomé estase a converter en cómplice desa situación: non se debería limitar a auxiliar, senón que debería preguntarse que está pasando e debería tomar medidas para pedir seriedade e responsabilidade na xestión aos alcaldes socialistas en lugar de tapar todos os desmáns e incapacidades de xestión cos cartos dos lucenses”

Lugo, 2 de setembro de 2025. “A xestión económica de numerosos Concellos gobernados polo PSOE é calamitosa”, segundo advirte o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, á vista de que “moitos deles non dispoñen de liquidez para pagar incluso gastos correntes, como por exemplo, o combustible da maquinaria municipal. A xestión económica do PSOE en Lugo fai perigar a estabilidade e a viabilidade económica dos Concellos onde gobernan”.

“É o caso de Meira para o que o goberno provincial de PSOE e BNG aprobaba recentemente, a porta pechada, un convenio para axudar a tapar a mala xestión do alcalde socialista co diñeiro de tódolos lucenses”, segundo explica o popular. “A situación é realmente alarmante” porque, entre o destino das achegas da Deputación ao Concello atópase, por exemplo, o pagamento da parte que lle correspondía a este último pola construción do centro de atención a maiores no municipio. É dicir, “a Deputación de Lugo achega diñeiro para que o Concello de Meira poida cumprir o compromiso de pago á propia Deputación de Lugo. Iso só pasa con Concellos gobernados por socialistas que sexan amiguetes de Tomé: conceder convenios para pagar convenios coa mesma administración”.

O popular incide en que “dende o Partido Popular estamos de acordo en que a Deputación colabore cos distintos municipios da nosa provincia” porque, segundo lembra, unha das súas funcións propias é a cooperación cos Concellos -especialmente os de menor capacidade económica-. Pero demanda “igualdade de trato para todos os concellos e todos os veciños e veciñas da provincia, non só para os que estean gobernados polo PSOE ou o BNG e, especialmente, aqueles máis próximos ao presidente, José Tomé, ou aos que deba contentar para poder seguir á fronte da institución provincial e do propio PSOE lucense”.

O popular cre que “Tomé non se debe limitar a auxiliar incondicionalmente aos Concellos cunha pésima xestión económica por parte de alcaldes socialistas que non son capaces nin de pagar as súas propias facturas; senón que debería preguntarse que é o que está pasando para que o PSOE estea endebedando e arruinando a moitos Concellos coma o de Pol ou anteriormente Viveiro, por exemplo”. Deste xeito, “Tomé convértese en cómplice desa mala xestión”, puntualiza.

Ameijide tamén condena a “dobre vara de medir” do goberno de Tomé que “accede a financiar gastos correntes ou determinadas actuacións a través de convenios a dedo aos concellos gobernos por PSOE e BNG, mentres que se nega a financiar eses mesmos conceptos en igualdade de condicións a tódolos concellos da provincia co Plan Deputación” que nas súas bases recolle exclúe este tipo de finalidades. Nese sentido, advirte da “discriminación aos Concellos gobernados polo Partido Popular, a metade da provincia, e polo tanto tamén aos seus veciños e veciñas que non se poden ver beneficiados de máis achegadas da Deputación de Lugo que non sexan aquelas que determinan PSOE e BNG a través do Plan Deputación, a única ferramenta que se rexe por criterios máis obxectivos e que non sería posible sen o impulso do Grupo Popular”.

Exit mobile version