Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP advirte que o alcalde de Muras “leva 10 anos dirixindo diñeiro de tódolos veciños para financiar un festival afín ao BNG e que se celebra en Santiago”

“O alcalde prioriza regalar diñeiro a un festival vinculado á súa ideoloxía en lugar de ofrecer servizos aos veciños e veciña de Muras ou impulsar os eventos do propio municipio”

Muras, 2 de setembro de 2025. O Partido Popular sinala que “o alcalde nacionalista de Muras recoñeceu no último Pleno que aporta dende o ano 2015 diñeiro do Concello, diñeiro de todos e todas as veciñas, a un festival de música que se celebra en Santiago e cun marcado carácter ideolóxico”.

A portavoz, Eugenia Requeijo, explica que este ano “o alcalde regala máis de 500€ (544,50€) ao Festigal 2025 por insercións publicitarias na revista e no programa deste festival de música galega cunha clara orientación nacionalista que se celebra noutro lugar, curiosamente tamén gobernado polo BNG”.

A popular critica que “o alcalde priorice sufragar un festival estreitamente vinculado á súa ideoloxía que se celebra noutro concello” en lugar de “ofrecer servizos aos veciños e veciñas de Muras”. Así, afea este tipo de accións do alcalde: “por moito que durante o último pleno animara aos veciños e veciñas a asistir a este festival, este gasto do Concello non nos beneficia directamente en nada”.

Eugenia Requeijo lembra, ademais, a “crítica situación económica do Concello” como recollen os informes técnicos municipais. “Pero o rexedor nacionalista, en lugar de facer unha xestión económica responsable, regala diñeiro aos que comparten a súa ideoloxía”.

A popular recorda tamén que “o alcalde preocúpase por axudar a financiar outros festivais, pero non se interesa por impulsar as tradicións celebracións do noso concello. Non só non participa, senón que non se interesa por melloralas para que realmente sexan un impulso para Muras”.

Os populares teñen solicitado a finais do pasado mes de abril unha reunión formal co alcalde para abordar, entre outros temas, ideas para as feiras e eventos anuais con intención de darlles un xiro importante; pero “continuamos agardando a que o alcalde se sente a falar con nós”.

Eugenia Requeijo lembra que “o goberno do BNG en Muras está en minoría e require de diálogo coa oposición para chegar a acordos cos que sacar adiante asuntos importantes. O que non pode é tratar de impoñer e, moito menos, facer as cousas sen respectar a lei”.

Exit mobile version