Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela reclama medidas “para mellorar a salubridade e hixiene na zona do mercado semanal os venres”

Os populares trasladan ante o Pleno da Corporación municipal esta proposta que os propios comerciantes ambulantes e usuarios do mercado semanal teñen reclamado dende fai tempo ao goberno local

Burela, 23 de setembro de 2025. O PP de Burela traslada ante o Pleno da Corporación municipal unha iniciativa que xorde dos comerciantes ambulantes e os propios usuarios do mercado semanal da vila dirixida á mellora da salubridade e da hixiene na zona o día da súa celebración.

Os populares explican que “se trata dunha demanda que levan moito tempo reclamando ao goberno local sen éxito”. De feito, “son reiteradas as queixas” pola escaseza de contedores que impiden recoller de forma correcta o lixo propio do desenvolvemento da actividade comercial ambulante. Ademais, “non existen aseos na zona a disposición de comerciantes nin veciños”.

Así, os concelleiros do PP defenderán unha proposta “útil, lóxica e demandada polos veciños e veciñas” que, ademais, non suporía un excesivo esforzo orzamentario.

Por unha banda propoñen a colocación, con carácter prioritario e urxente, de baños portátiles na zona na que actualmente se celebra o mercado semanal os venres. E, por outra, o reforzo do número de colectores de lixo na zona o día de celebración do mercado semanal.

Os populares xa manifestaron dende o inicio que “o cambio de ubicación non era unha boa nova para Burela” prexudicaba aos comercios do centro. De feito, todas as enquisas indican que a preferencia maioritaria é volver ao lugar de orixe: a rúa do centro do pobo”.

Pero, a nova ordenanza reguladora dos mercados deseñada polo goberno local de forma unilateral ano e medio despois de ser anunciada, non aclara nada sobre a súa ubicación. Nese sentido, os populares teñen amosado a súa preocupación porque “é máis restritiva que a anterior para os vendedores de alimentación caseira” polo que “conviña outro tipo de norma máis adecuada ao tipo de comercio ambulante que hai na vila”.

Para o PP de Burela a “mala xestión” do goberno local en todo o que ten que ver co mercado semanal dos venres é unha reflexo da súa falta de xestión á fronte do noso concello e que prexudica, directa ou indirectamente, aos veciños e veciñas”.

Exit mobile version