A portavoz popular, Eugenia Requeijo, cre que “o alcalde non é quen para regalar unha propiedade que non é súa” e incide en que “o conxunto etnográfico xa tiña que estar en marcha, dunha forma ou doutra, xerando postos de traballo e non deixando que se deteriore e que perda valor”
Os populares critican que “o alcalde pense sequera na posibilidade de regalar un ben do Concello” toda vez que “o conxunto etnográfico forma parte dos bens do Concello de Muras”. Así, cren que “en lugar de regalar algo que non é seu, porque é de tódolos veciños, o que debería facer como alcalde é xestionar da mellor maneira estas propiedades municipais para poñelas en valor. “A aldea etnográfica tiña que estar posta en marcha, dunha forma ou doutra, xerando postos de traballo; e non deixar que se deteriore e que perda valor”, engade.
A portavoz popular, Eugenia Requeijo, asegura que “non lle interesa a aldea etnográfica nin o resto do municipio” á vista da “falta de limpeza das pistas municipais, o deterioro do alumeado público ou a inacción ante beirarrúas levantadas que poden supoñer un risco de caída para os viandantes”. Así, cre que “o único que lle interesa ao alcalde de Muras é cobrar o seu salario”.
INICIATIVA NO ÚLTIMO PLENO
Os populares pediron explicacións no último Pleno sobre o “abandono” da aldea etnográfica de Carelle ante a “falta de atención e de adopción de medidas por parte do goberno municipal” ante os danos e subtraccións que sofren estas instalacións.
A portavoz, Eugenia Requeijo, cre que “hai que adoptar medidas para evitar que se siga danando e perdendo valor”; polo que pide que “o goberno local manteña a aldea coidada e en boas condicións”, que “adopte medidas de seguridade” e que “se manteñan pechadas as distintas construcións”.