Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que José Tomé “está tecendo un Plan Deputación B a escuras e para os amigos para poder manterse na presidencia da Deputación”

O voceiro popular recorda que “unicamente son os concellos gobernados por PSOE e BNG” os que se benefician dos convenios aprobados cada venres en xunta de goberno xa que “non hai nin un € para máis da metade dos municipios da provincia, xustamente aqueles gobernados por alcaldes do Partido Popular”: “non dicimos que non se colabore con eses concellos, dicimos que hai que colaborar con todos os concellos da provincia”

Lugo, 10 de setembro de 2025. Os deputados Grupo Provincial Popular seguen a denunciar “a falta de igualdade e a arbitrariedade” coa que PSOE e BNG empregan os cartos da Deputación, “é dicir, de todos os lucenses” para axudar “única e exclusivamente aos concellos dos seus ‘amiguetes’, aqueles gobernados polas súas mesmas cores políticas”: “Está a xerar un Plan Deputación B no que unicamente colabora con alcaldes socialistas, unha cota para manterse na presidencia da Deputación”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que José Tomé, PSOE e BNG veñen de aprobar na xunta de goberno do pasado venres dous convenios, para os concellos de Vilalba e Pedrafita do Cebreiro, por máis de medio millón de euros, concretamente 262.977,50€ para o Concello de Vilalba e 249.000€ para o Concello de Pedrafita do Cebreiro.

Ante esta situación, Antonio Ameijide explica que “queda claro José Tomé ten que cumprir coa cota que ten que dar aos alcaldes do PSOE para manterse tanto na presidencia da Deputación como na secretaría xeral do seu partido”.

“A coincidencia nos importes é un claro indicativo de que estamos ante unha cota establecida a pagar, a peaxe de José Tomé para manter a presidencia”, denunciou.

O voceiro popular aproveita para recordar que “unicamente son os concellos gobernados por PSOE e BNG” os que se benefician dos convenios aprobados cada ventes en xunta de goberno xa que “non hai nin un € para máis da metade dos municipios da provincia, xustamente aqueles gobernados por alcaldes do Partido Popular”. “José Tomé non para de reclamar igualdade, unha igualdade que el mesmo quere demostrar que só é para os alcaldes do PSOE”, criticou.

A SOIDADE DE JOSÉ TOMÉ

Esta total falta de igualdade no reparto dos fondos provinciais unicamente “aumenta as desigualdades dentro da provincia, xerando lucenses de primeira ou de segunda” ou como o deputado provincial Pablo Rivera dixo nun pleno da Deputación: “veciños da provincia e veciños do Partido Popular” xa que “discriminan en función da cor política do alcalde ou alcaldesa”.

Unha situación que amosa claramente “a soidade de José Tomé”. Antonio Ameijide explica que “estamos ante a crónica dunha morte política anunciada” porque o presidente da Deputación “so pode manterse no cargo a base de comprar vontades cos cartos de todos os lucenses”.

Antonio Ameijide insiste en que “non criticamos que se colabore con concellos gobernados por PSOE e BNG, senón que o que criticamos é que só se colabore con eses municipios porque todos os concellos necesitan deses fondos”. “O sectarismo do que José Tomé fai gala cada día é o que o levará a afundirse aínda máis porque as vontades que se compran non duran no tempo, os mercenarios marchan cando se acaban os cartos”, sentenciou.

Exit mobile version