A proposta impulsada polo Grupo Popular foi aprobada en marzo e, a piques de cumprírense os seis meses de prazo nos que o Executivo debe informar, “non vemos avances nin hai explicacións”
Concretamente, a Comisión de Transportes y Movilidad Sostenible do Senado aprobaba, na súa sesión do 10 de marzo de 2025, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular para instar ao Goberno a avanzar na execución da autovía da Mariña (A-74) impulsando os trámites administrativos previos necesarios e as partidas economicas suficientes para iniciar as obras na totalidade dos tramos, durante o ano 2025.
Segundo o artigo 178.2 do Regulamento do Senado, o Goberno e o órgano correspondente (Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible) deberán informar sobre o cumprimento dado ás mocións aprobadas pola Cámara dentro dos seis meses seguintes. “Hoxe estamos a piques de chegar ao medio ano da súa aprobación sen ver ningún avance nin ter explicacións por parte do Executivo de Sánchez”.
Balseiro incide en que “o Goberno de Sánchez ten que dar explicacións”. Especialmente tendo en conta que “no 2023 tanto Besteiro, daquela candidato por Lugo ao Congreso, coma o actual senador Mogo aseguraban na campaña ás xerais acompañados por alcaldes, concelleiros e portavoces do PSOE na Mariña, que o compromiso de Sánchez era que as obras da autovía empezasen no 2024. Estamos no 2025 e segue todo igual que o deixou o Partido Popular no 2018. O único que fixeron foi sacar a exposición pública o proxecto dun tramo (Barreiros – O Carme) que xa saíra a información pública no ano 2018”.
O senador popular advirte que “lonxe daquela foto electoral, non hai avances reais. A autovía está paralizada”. Polo tanto, lamenta que “o PSOE lucense e, especialmente o PSOE mariñán, engane aos veciños e veciñas ao incumprir as súas propias promesas”.
Os populares defenden que a A-74 é unha vía de comunicación “estratéxica e prioritaria para esta comarca e que permitiría mellorar os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade viaria, e potenciar a economía da provincia de Lugo e de Galicia”.