Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, xunto á alcaldesa de Viveiro, Mariña Guimunde, e concelleiros do PP visitaron a parroquia de Galdo onde comprobaron como PSOE e BNG “seguen desoíndo” as reclamacións dos veciños e do PP para habilitar unha zona segura para a circulación dos peóns e a instalación de elementos redutores da velocidade “que garantan a seguridade das persoas que teñen que poder circular pola parroquia sen xogarse a vida”
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, esixe a José Tomé que “escoite á veciñanza de Galdo” que leva moito tempo reclamando zonas seguras para o tránsito de peóns nesta estrada, así como elementos redutores da velocidade “para evitar que os coches sigan circulando ás elevadas velocidades que o fana día de hoxe”.
Antonio Ameijide recorda que non se trata dunha reivindicación de agora. “xa no mes de novembro fixemos esta reclamación apoiando as reivindicacións dos veciños, pero vemos como para PSOE e BNG a seguridade viaria na rede provincial de estradas é a súa última preocupación”.
A veciñanza segue a reclamar que se habilite unha zona segura para a circulación dos peóns, na medida que sexa posible, e a instalación de elementos redutores da velocidade “para que os veciños poidan camiñar sen ter que xogarse a vida”.
A realidade da parroquia de Galdo é que a maior parte dos veciños son xente maior “polo que o medo que teñen a saír das súas casas camiñando é notorio e entendible por mor do importante volume de tráfico que circula entre os núcleos de vivendas, en boa parte, a gran velocidade pola estrada LU-P-6602 que comunica coa feira de Galdo ou a parroquia ourolesa de Bravos”.
“Nós mesmos comprobamos cun pequeno paseo como non é seguro andar polas marxes da vía porque son inexistentes polo que cando pasa un vehículo faino moi preto dos peóns”, sinalou, ao que engadiu que “ao ter que compartir espazo cos vehículos que discorren pola vía o risco é maiúsculo e todos recordamos como xa se teñen producido atropelos”.
Ante a situación de perigosidade que viven os veciños da zona, os deputados populares anunciaron que defenderán unha iniciativa no pleno da Deputación deste mes para reclamar que PSOE e BNG, dende o goberno da Deputación de Lugo, realice de inmediato os traballos necesarios para garantir a seguridade nesta zona, habilitando, polo menos, zonas seguras para o paso de peóns e elementos redutores da velocidade, así como un reforzo da sinalización.