Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe “unha rectificación inmediata” do “apagamento industrial” á provincia de Lugo por parte do Goberno de Sánchez ante o que “Besteiro e os socialistas calan en Madrid”

Os senadores lucenses esixen por escrito explicacións ao Goberno de España ante a exclusión da provincia da proposta de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025-2030

Lugo, 24 de setembro de 2025. O PP lucense advirte que “o Goberno de Sánchez condena a Lugo a un apagamento industrial” porque “sen enerxía non hai industria” e, polo tanto, esixe unha “rectificación inmediata” ante a exclusión da provincia da proposta de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025-2030”.

Á vista deste “grave atentado” á provincia e “castigo político” por parte o Goberno de Sánchez en relación ao desenvolvemento industrial, os seus representantes no Senado -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- veñen de presentar unha serie de preguntas ao Goberno de España nas que lle esixen que explique cales son os criterios que se seguiron para levar a cabo esa planificación de desenvolvemento enerxético que deixa á provincia de Lugo no horizonte dunha década sen ningún tipo de capacidade de desenvolvemento industrial para unha mediana ou gran empresa.

Barreiro incide en que “quedamos fora de todas as posibilidades de desenvolvemento para o consumo eléctrico” e “non afecta só a Altri; senón a calquera posible instalación. Polo tanto, o Goberno de Sánchez estalle a dicir a posibles inversores que teñan interese en levar a cabo actividades industriais nesta provincia que non é posible. Non é posible porque non terán ningún tipo de posibilidade para poder levar o cabo o enganche para o consumo eléctrico”.

Mentres outras provincias galegas reciben reforzos eléctricos para atraer novas industrias, Lugo non contará cun só megawatt adicional, o que significa que “ningunha mediana ou gran industria poderá instalarse aquí ata 2030”.

O senador popular e portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado cre que “esta decisión se tomou en base a criterios de tipo político. De todos é sabido que Lugo é unha provincia que non ten confianza ningunha no señor Sánchez e que non ten confianza ningunha nos socialistas”.

De feito, apunta ao señor Besteiro como “promotor deste castigo industrial á provincia” porque foi el o que fixo o anuncio de que Altri quedaba fóra desta planificación. “Podemos entender que é o señor Besteiro o que, ben por acción ou ben por omisión, provoca que Lugo quede fóra da planificación eléctrica que permita un desenvolvemento industrial axeitado para a nosa provincia”. É máis, “Besteiro recoñeceu que Lugo será a única provincia galega sen reforzo, sen esixir unha rectificación inmediata. Cala en Madrid mentres Lugo paga as consecuencias”, lamenta.

Os populares piden tamén explicacións sobre as razóns para que o Goberno de Sánchez converta ao señor Besteiro no seu portavoz “para castigar a Lugo e deixalo fóra de toda esta planificación fundamental para o desenvolvemento industrial da nosa provincia”.

Segundo manifestan, dende o PP “imos seguir traballando e loitando polo dereito dos lucenses a levar a cabo un desenvolvemento industrial que garanta a nosa calidade de vida, que permita contrarrestar efectos como pode ser o despoboamento no rural e que se leve a cabo con criterios sostibles e respectuosos co medio ambiente”.

Os populares reclaman, polo tanto, unha rectificación urxente do plan de planificación eléctrica para incluír a Lugo, compromisos claros e prazos inmediatos para reforzar as infraestruturas eléctricas e que o PSOE galego asuma a súa responsabilidade e esixa en Madrid o que Lugo merece”.

Exit mobile version