Os populares preguntaron no último Pleno sobre os motivos polos que non estaban desbrozadas as pistas e o alcalde falou das brigadas municipais que contrata cunha subvención da Xunta para rozar pistas forestais, non dos traballos que lle corresponden ao Concello -con medios propios ou alleos- nas estradas municipais de acceso ás casas
A portavoz, Eugenia Requeijo, explica que “as pistas municipais presentan un estado de total abandono porque aínda hai moitos sen desbrozar. Nalgúns casos foron os propios veciños os que tiveron que limpar para evitar que a maleza impedise a visibilidade ou que, incluso, chegara a rozar os seus coches”. É que “a maleza dificulta a visibilidade nas curvas e nos cruces”.
A popular explica que “os traballos de desbroce das pistas se está a facer sen ningún tipo de orde” de forma que “están rozadas algunhas nunhas parroquias e outras noutras”; polo que “quedan algunhas sen acondicionar”.
Os populares amosan a súa preocupación ante o inicio do curso escolar que supón tamén a presenza do transporte escolar nestas pistas que “deben estar en boas condicións para garantir a seguridade”.
EXPLICACIÓNS NO PLENO
Os populares formularan preguntas no último Pleno sobre a tardanza no desbroce “sen que o alcalde do BNG admitise que a limpeza das marxes das pistas do Concello é competencia do Concello”. De feito, o rexedor “dedicouse a falar da brigada municipal -por certo, contratada cunha subvención da Xunta- que entre as súas funcións en materia de prevención de incendios forestais está a limpeza de pistas forestais, non de acceso ás casas”.
“O que non fixo o alcalde foi explicar por que non ten realizado con persoal e medios propios ou alleos os traballos de roza para manter limpas de maleza as pistas municipais ao longo de todo o ano para garantir a visibilidade e seguridade aos veciños e veciñas de Muras”, segundo indica Eugenia Requeijo.
A popular pídelle ao alcalde “máis interese en traballar por Muras e os nosos veciños dende o diálogo e a colaboración e menos en atacar continuamente a outros e botar as culpas á Xunta”.