Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide desde Trabada ao goberno provincial que “cumpra a súa función de apoio a todos os concellos nas actuacións de abastecemento da auga e saneamento”

O deputado provincial e portavoz en Trabada, José María Fernández, critica que “o alcalde e o goberno socialista municipal votara en contra de pedir a implicación da Deputación: o PSOE non se pon de acordo en temas tan básicos como o abastecemento de auga”

Trabada, 27 de setembro de 2025. O Partido Popular pedirá no vindeiro Pleno que o goberno provincial de PSOE e BNG cumpra coas funcións da Deputación de cooperar cos Concellos e garantir a prestación de servizos municipais. “A Deputación está para axudar aos Concellos polo que entendemos que debe axudar en algo fundamental para os veciños e veciñas como é o ciclo da auga”, segundo manifesta o portavoz, Antonio Ameijide.

O portavoz, Antonio Ameijide, e os deputados provinciais José María Fernández e Clemente Iglesias e o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicaron a proposta durante unha visita a Trabada, ao punto de captación de auga para o abastecemento de Ribadeo que afecta tamén a tres parroquias de Trabada – Ría de Abres, Sante e Valboa-, e a unha das zonas de Ribadeo máis afectadas polas roturas da rede de abastecemento na parroquia de Couxela.

Concretamente, o Grupo Provincial Popular solicitará no Pleno do vindeiro martes que a Deputación “colabore técnica e economicamente con tódolos Concellos da provincia, de forma igualitaria, na xestión do ciclo da auga”. E, polo tanto, tamén na sinatura de convenios, especialmente nos supramunicipais, financiando actuacións para dotar de servizos de abastecemento de auga e saneamento nos distintos municipios da provincia.

É o caso dos Concellos de Ribadeo e Trabada que veñen de asinar un convenio coa Xunta para a mellora do abastecemento. “E a institución provincial tamén debería axudar, dende o punto de vista técnico e económico, en algo tan fundamental como é a mellora das instalacións precisas para abastecer aos núcleos de poboación”, como explicaron os deputados provinciais.

Dani Vega agradece a implicación da Xunta de Galicia que fai posible esta obra e solicita a colaboración da Deputación de Lugo, dentro da súa función de cooperación cos Concellos, para aportar o outro 20% co que evitar “unha evidente asfixia para as arcas municipais”. O rexedor apela á “colaboración entre administracións” e lembra que “noutras provincias a Deputación colabora cos Concellos e lidera a búsqueda de fondos europeos na xestión do ciclo da auga porque, ademais, ten esa obriga”.

O ALCALDE DE TRABADA REXEITA PEDIR A IMPLICACIÓN DA DEPUTACIÓN

O deputado provincial e portavoz do PP en Trabada, José María Fernández, incide en pedir “a implicación da Deputación” no ciclo da auga en tódolos Concellos da provincia.

O popular defendeu a proposta no último Pleno do Concello de Trabada onde o alcalde se negou a solicitar a colaboración da Deputación para esta actuación, mentres que no Concello de Ribadeo foi aprobada co apoio de tódolos grupos.

Fernández advirte que “o PSOE non se pon de acordo en temas tan básicos como o abastecemento de auga aos veciños e veciñas ou as competencias das administracións”.

E critica que “o goberno de Trabada, do PSOE, votara en contra” evidenciando que “ou non confía no apoio do goberno presidido polo secretario xeral do seu propio partido” ou simplemente “prefire deixar que outros fagan o seu traballo. Pero do que si se preocupan é de subir os impostos aos veciños e veciñas”.

Exit mobile version