Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente agradece e recoñece o labor dos bombeiros provinciais na vaga de lumes

José Tomé Roca, quen tamén dirixe o Consorcio Provincial de Bombeiros, mantivo un encontro no Pazo de San Marcos cos sarxentos para trasladarlles os parabéns polo traballo e a profesionalidade do persoal dos parques comarcais durante os incendios

Lugo, 6 de setembro de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, mantivo no Pazo de San Marcos un encontro cos sarxentos dos parques provinciais para expresar de maneira persoal e institucional o seu agradecemento polo intenso e duro traballo realizado polos bombeiros durante a vaga de lumes que afectou con especial gravidade ao sur da provincia de Lugo e tamén á de Ourense.

Tomé Roca destacou “a profesionalidade, entrega e valentía” dos bombeiros, así como a importancia do traballo en equipo con outras administracións e corpos de emerxencia. “O seu esforzo non só serviu para conter o avance das lapas, senón tamén para protexer vidas, vivendas e o noso patrimonio natural. A súa dedicación é un exemplo para toda a sociedade”, subliñou.

Tomé Roca lembrou que, nos días máis complicados da emerxencia, desprazouse ata Quiroga e A Pobra do Brollón para facer seguimento da situación xunto co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, e alcaldes da Ribeira Sacra, visitando os terreos máis afectados e coñecendo de primeira man o labor dos equipos de extinción.

“Desde o primeiro momento estivemos coordinados co Centro de Coordinación Provincial de Loita Contra Incendios (Cecopi), quen dirixiu o operativo, e puxemos todos os medios dispoñibles do Consorcio ao servizo do dispositivo, con lealdade, responsabilidade e solidariedade”, sinalou o Presidente.

Durante a vaga de lumes, o Consorcio Provincial mobilizou efectivos, bombas nodrizas e vehículos de mando dos parques de Monforte de Lemos, Chantada, Viveiro, Vilalba, Barreiros e Sarria. Ademais, segundo as indicacións do Cecopi, reorganizáronse os recursos para garantir que en todo momento estivesen dispoñibles os medios necesarios alí onde eran máis precisos.

Exit mobile version