Site icon Crónica3.com A Mariña

O profesorado do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz homenaxean a María José Coldeira pola súa xubilación

Cervo, 16 de setembro de 2025. Os centros de primaria CEIP de Cervo e CEIP Península da Paz reuníronse onte para celebrar un acto conxunto de homenaxe á mestra de Relixión María José Coldeira Ponte, que se xubila despois dunha longa e comprometida traxectoria profesional compartida entre ambos colexios.

María José Coldeira iniciou a súa carreira docente en 1985 no colexio Rivera Casás, onde comezou cubrindo unha baixa de curta duración. En 1991 retomou a docencia, compartindo entre o propio Rivera Casás e o Galdín (actual CEIP Península da Paz). Posteriormente, impartiu clases no CEIP Nº1 de Foz e en San Cosme, ata regresar de novo ao Península da Paz, centro que compartiu co CEIP de Cervo ata a súa xubilación.

Durante todos estes anos, María José deixou unha fonda pegada tanto no alumnado como nos equipos docentes, transmitindo valores, coñecementos e dedicación cun estilo próximo e entrañable.

No acto de despedida, o profesorado de ambos centros quixeron recoñecer a súa entrega, agradecéndolle a súa labor educativa e desexándolle unha nova etapa chea de felicidade.

“Foi unha mestra que, ademais de ensinar, soubo acompañar e apoiar, creando sempre un bo clima de respecto e proximidade”, destacaron compañeiros e compañeiras.

Con este encontro conxunto, os dous centros realzaron a súa figura e puxeron o broche de ouro a unha carreira docente marcada pola vocación e polo compromiso.

Exit mobile version