O voceiro do PSdeG, Pablo Díaz, alerta de que unha concelleira do PP non asiste aos plenos desde xullo e que Rancaño move o calendario para evitar perder votacións
O voceiro socialista, Pablo Díaz López, lembra que o rexedor xa fora advertido en anteriores ocasións deste incumprimento e que, lonxe de corrixilo, reincide de novo. “O pleno ordinario debía celebrarse o último venres de setembro, tal e como establece a normativa que fixa esta data en todos os meses impares. Ao coincidir con festivo local, debía trasladarse ao venres seguinte, pero o alcalde decidiu levalo ao mércores 1 de outubro, amparándose en supostos ‘compromisos ineludibles da Alcaldía previamente adquiridos’. É unha simple escusa para non cumprir cos acordos plenarios e volver manipular o calendario ao seu antollo”.
Para Díaz, esta manobra responde unicamente a motivos políticos. “Unha das concelleiras do PP non asiste aos plenos desde o 15 de xullo, data en que renunciou á dedicación exclusiva, e agora mesmo o goberno conta cos mesmos votos que a oposición. Por iso, o alcalde move os plenos segundo lle convén, para garantir que os seus seis concelleiros non falten e non perder votacións. É unha manipulación descarada das regras de funcionamento democrático”.
Os socialistas subliñan que “os plenos son o principal espazo de control ao goberno e de atención ás demandas da veciñanza. O alcalde está a utilizar o calendario das sesións como unha ferramenta partidista, incumprindo a lei para evitar o control da corporación”. Para Díaz, “estas prácticas evidencian un executivo débil, en horas baixas e máis preocupado por sobrevivir que por resolver os problemas reais de Abadín. Desde o PSdeG non imos permitir que se siga deteriorando a democracia municipal nin que se silencien os problemas da veciñanza”.
Desde o PSdeG-PSOE de Abadín teñen previsto levar ao pleno varias cuestións que seguen pendentes de resposta por parte do executivo. Preguntarán sobre o acceso ao proxecto da planta de produción de biometano, solicitado a pasada semana sen obter contestación; sobre a contratación do conserxe, cun proceso de consolidación aberto dende hai máis de dous anos sen resolver; e sobre o uso de maquinaria municipal para o desbroce de fincas privadas.