Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Cervo denuncia a precariedade da atención sanitaria no municipio e a falta de planificación da Xunta

Cervo , 5 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Cervo levou ao pleno celebrado este xoves unha moción para denunciar a precariedade da atención sanitaria no municipio e reclamar á Xunta de Galicia solucións urxentes. A iniciativa esixía cubrir todas as prazas de facultativos nos centros de saúde de Cervo e San Ciprián e reforzar o cadro de persoal do Hospital da Mariña, pero o texto foi finalmente alterado polas emendas de PP e BNG, que diluíron a contundencia da denuncia socialista.

Segundo explicou a voceira socialista, Mª Luján Ramos, o PP substituíu a moción por unha redacción “descafeinada” coa que tentou eludir a responsabilidade da Xunta e botar balóns fóra contra o Goberno de España, mentres que o BNG limitouse a introducir unha emenda de engádega. “As manobras do PP só buscan restarlle forza a nosa denuncia e evitar que o pleno esixa con claridade médicos en Cervo e San Ciprián”, advertiu.

Ademais, Ramos lembrou que o PP cualificou a exposición de motivos da moción como “inexacta” e mesmo “mentireira en certas partes”, pero non foi quen de presentar unha nova redacción. “Aínda que eles alegaban que non era exacta, mantiveron a nosa exposición de motivos. Se tan inexacta lles parecía, podían facer unha moción enteira propia e defendela. O que non é de recibo é criticar un texto e, á hora da verdade, manter o noso”, censurou.

Neste contexto, a voceira socialista incidiu en que finalmente se aprobaron os puntos introducidos polo PP e polo BNG, e mesmo un do Partido Popular era idéntico aos propostos polo PSdeG. “Nós sempre defendemos que o importante é remar todos no mesmo sentido para reverter esta insostible situación. Debemos loitar conxuntamente para que isto cambie, veña de onde veña a iniciativa”, subliñou

Ramos puxo tamén o foco na sobrecarga que sofren os profesionais da sanidade. “Estamos forzando a máquina. O persoal ten que asumir tarefas que non lles corresponden, cun nivel de presión constante que resulta inadmisible. Non podemos permitir que sexan eles quen carguen coas consecuencias da mala planificación da Xunta”, advertiu.

Así mesmo, acusou ao Goberno galego de “deixadez total na planificación sanitaria” e advertiu de que, lonxe de mellorar, a situación camiña a peor. Ramos subliñou que en Cervo o caos é xa evidente. “Non entendo como puidemos chegar ata este punto, con centros de saúde sen médicos de referencia e unha veciñanza que non sabe se vai ser atendida no seu Centro de Saúde”, asegurou.

A socialista fixo tamén fincapé en que esta situación afecta especialmente á poboación maior de Cervo. “Somos un concello envellecido, con moita xente maior que necesita atención continua. Chegan ao centro de saúde e non teñen con quen falar. A figura do médico de familia estase a desvirtuar, e iso deixa nunha situación de indefensión absoluta as nosas veciñas e veciños”, concluíu.

Exit mobile version