O Grupo Provincial Socialista rexistra unha segunda moción que defenderá no vindeiro Pleno da Deputación
Apoio ao Pacto de Estado fronte á emerxencia climática
A iniciativa socialista lembra que España é un dos países máis vulnerables a este fenómeno e que Galicia sofre con especial intensidade as súas consecuencias: secas máis longas, choivas torrenciais máis frecuentes e incendios forestais cada vez máis virulentos. O pacto de Estado, explican, “fundaméntase no coñecemento científico, a anticipación e a cooperación institucional, co obxectivo de protexer a cidadanía, a economía e a biodiversidade”.
“A ciencia confírmao: o vínculo entre o quecemento global e a virulencia dos incendios é indiscutible”, advertiu a voceira provincial, Pilar García Porto. “A xestión reactiva dos incendios xa non é suficiente: urxe centrarse na prevención, na restauración da paisaxe e na adaptación ao novo contexto climático”.
En consecuencia, o PSdeG insta á Xunta a adherirse ao Pacto de Estado fronte á emerxencia climática e a comprometerse cunha estratexia común que permita afrontar con rigor os retos que xa a está a provocar o cambio climático en Galicia.
Cumprimento do ditame de 2018 sobre política forestal e incendios
A moción fai tamén referencia ao ditame aprobado polo Parlamento de Galicia en 2018, tras a vaga de lumes de 2017, que incluía 123 medidas para reformar a política forestal e reforzar a prevención e extinción de incendios. Segundo denuncian os socialistas, “a día de hoxe, o nivel de implantación daquelas medidas é moi baixo, sendo xenerosos na análise”.
Neste sentido, o Grupo Provincial Socialista reclama que a Xunta active de inmediato estas actuacións e convoque a comisión de seguimento prevista no propio ditame. “Non podemos volver repetir cada verán os mesmos erros. Galicia precisa políticas de prevención serias, planificadas e estables”, conclúen os socialistas.