Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE de Xove alerta sobre a falta de médicos e o grave deterioro da rede de abastecemento da auga

Os socialistas denuncian que Xove quedou sen servizo médico en agosto e que a praza vacante no centro de saúde segue sen cubrir

Xove, 12 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Xove formulará no pleno ordinario do vindeiro luns unha batería de preguntas ao goberno local sobre dous asuntos que considera de máxima prioridade para a veciñanza: a falta de médicos no Centro de Saúde e o deterioro do sistema de abastecemento da auga.

O Centro de Saúde, sen cobertura

Segundo denuncian desde a agrupación socialista, o municipio sufriu este verán unha situación sanitaria “absolutamente insostible”, xa que o Centro de Saúde estivo practicamente todo o mes de agosto sen médico, debido ás vacacións da facultativa titular e á praza que segue vacante tras unha recente xubilación.

“Falamos dun concello enteiro que quedou sen asistencia médica, xogando coa saúde da veciñanza”, advirten, lembrando que esta carencia derivou en episodios de especial gravidade, como a falta de atención a un infarto en urxencias ou o tráxico falecemento dun veciño de Súmoas.

Os socialistas critican que non se perciben avances na xestión do goberno municipal. “A pesar das reunións do alcalde co Sergas, a realidade é que seguimos igual: con parches e cunha médica residente que non pode garantir a cobertura necesaria. O Concello non pode permanecer impasible mentres se xoga coa saúde da veciñanza”, engaden.

Por este motivo, o PSdeG preguntará no Pleno que iniciativas pensa impulsar o goberno municipal para esixir á Xunta a cobertura inmediata das tres prazas de medicina de familia que lle corresponden ao Centro de Saúde de Xove.

Abandono do sistema de abastecemento de auga

No relativo ao abastecemento da auga, o PSdeG de Xove pon o foco no lamentable estado da rede, tras dúas décadas de desleixo por parte do goberno do PP. Lembran que existe un informe técnico “demoledor” que diagnostica o problema e describe unhas instalacións “envellecidas, con fugas constantes e sistemas de filtrado e contabilización obsoletos”.

Esta situación provoca problemas recorrentes: no inverno a auga chega aos fogares “como barro” e no verán impóñense restricións de consumo. Ademais, este ano agravouse coa aparición de serias deficiencias no depósito do Cruceiro-Xuances, que obrigaron ás familias a soportar unha auga impracticable.

Os socialistas preguntarán ao executivo municipal cales foron as causas que provocaron esta problemática e cando prevé acometer o proxecto de mellora, valorado en arredor de 1,5 millóns de euros.

Compromiso socialista coas demandas da veciñanza

“Desde o PSdeG-PSOE de Xove imos seguir facendo unha oposición útil e responsable, poñendo enriba da mesa os problemas reais da veciñanza e reclamando solucións inmediatas a un goberno do PP que leva anos mirando para outro lado”, conclúen.

Exit mobile version