Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE de Xove denuncia “a deixadez do PP: sanidade en risco, auga en pésimas condicións e privatización de servizos”

Alertan de que o PP eliminou o servizo municipal de clases de patinaxe artística para privatizalo e adxudicalo a unha empresa

Xove, 23 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Xove denuncia a falta de respostas e a deixadez constante do goberno local do Partido Popular, que segue sen ofrecer solución aos problemas esenciais que sofre o municipio, como a falta de cobertura sanitaria, o abandono da rede de auga e a privatización de servizos municipais.

Sanidade: verán sen médico e futuro incerto

O PSdeG lembra que este verán Xove viviu unha situación sanitaria “absolutamente insostible”: o Centro de Saúde estivo practicamente todo agosto sen médico, o que derivou en episodios de especial gravidade, como a falta de atención a un infarto en urxencias ou o tráxico falecemento dun veciño de Sumoas.

Segundo afirman os socialistas, o alcalde recoñeceu no último pleno que a praza vacante por xubilación non se cubrirá ata outubro, o que implica que, mentres tanto, a atención depende dunha soa médica residente. “É dicir, Xove conta cunha soa unha médica titular e cando falta quedamos sen servizo”, censuran.

“Esta é a política do PP: botar balóns fóra, poñer escusas e, o máis grave, xogar coa saúde da veciñanza”, engaden. Ademais, subliñan que a política de recortes da Xunta reduciu o número de facultativos no xeriátrico municipal, que debería contar con tres médicos para atender 150 internos e apenas dispón dun.

Abastecemento da auga: dezaoito anos de abandono

No relativo ao abastecemento da auga, desde o PSdeG lembran que as instalacións levan dezaoito anos sen melloras, con tubaxes de fibrocemento que se rompen de maneira constante e equipos de tratamento obsoletos. A consecuencia son episodios reiterados de auga en pésimas condicións, tanto no núcleo urbano como nas parroquias.

Fronte a esta denuncia, o alcalde limítase a falar de “fallos puntuais” pola seca de xullo ou por unha tubaxe rota, e a sinalar que está pendente dunha reunión co presidente da Xunta para ver cando se poderán acometer as melloras valoradas en 1,5 millóns de euros.

“Unha vez máis, o PP evita asumir responsabilidades e dedica o seu tempo a atrasar solucións. Mentres tanto, a veciñanza de Xove segue atrapada cunha rede abandonada e obsoleta, sen planificación nin investimentos, e sen perspectivas de mellora a curto prazo”, critican.

Servizos municipais: o PP elimina a patinaxe artística

Neste sentido, os socialistas alertan de que o PP decidiu eliminar o servizo municipal de clases de patinaxe artística, entregándoo a unha empresa privada e subvencionada directamente polo Concello.

Desde a agrupación consideran que esta decisión é “un novo exemplo da política de recortes e privatizacións do PP, que goberna a dedo, sen concurso público nin transparencia. En lugar de apostar por unha xestión municipal e aberta, prefiren controlar os servizos a través de subvencións nominativas, afastándose do interese xeral da veciñanza”.

“O Partido Popular leva anos gobernando en Xove a base de deixadez, recortes e privatizacións, mentres a veciñanza segue perdendo servizos básicos e calidade de vida. Desde o PSdeG imos seguir facendo unha oposición útil e responsable, poñendo enriba da mesa os problemas reais da veciñanza e reclamando solucións inmediatas fronte a un goberno que só trae atraso e ningunha mellora”, conclúen os socialistas.

Exit mobile version