Os socialistas presentaron dúas mocións: unha relativa ao saneamento, que foi rexeitada polo alcalde asegurando que “non precisa planificación, que xa irá facendo”, e outra centrada na transparencia, coa que se pretendía garantir o acceso á información pública incorporando ao portal municipal orzamentos, contratos, convenios ou bandos. Esta última tamén foi rexeitada co voto en contra do rexedor.
Ademais, reclamouse a corrección dos importes publicados para as Escolas Deportivas 2025/26 e a ampliación do prazo de inscrición, xa que a veciñanza só dispuxo de catro días para anotarse; pediuse máis previsión nas comunicacións sobre as rozas de fincas, que chegaron en pleno agosto, coincidindo co maior risco de incendios e coa presenza de moitos veciños e veciñas de vacacións; e solicitouse un maior control sobre as sacas de madeira que, tras os traballos forestais, deixan estradas municipais e provinciais deterioradas apenas uns meses despois de seren arranxadas.
O PSdeG tamén levou ao pleno numerosas preguntas que afectan directamente á vida diaria do Vicedo, entre elas a situación do proxecto do centro de día e os prazos previstos, a regulación e mantemento da pista de pádel, o uso do local municipal da rúa Francisco Vilasuso, o estado da motobomba municipal e a súa utilización nos incendios deste verán, a falta de intervención do Concello na subasta da fábrica do Cisne, a ausencia de lavado dos colectores este ano, os contidos e xestión da nova canle de información municipal, as incidencias detectadas nas praias con Bandeira Azul, os compromisos adquiridos na recente reunión co conselleiro de Sanidade ou o incumprimento do acordo da FEGAMP en apoio ao pobo palestino.
Para o Grupo Municipal Socialista, todo isto volve poñer de manifesto a falta de planificación, a ausencia de transparencia e a escasa vontade de diálogo dun alcalde que rexeita calquera proposta da oposición, mesmo cando está orientada a mellorar os servizos públicos e a vida da veciñanza do Vicedo.