A agrupación socialista lembra que a transparencia e o dereito á información pública son dereitos fundamentais da cidadanía e obrigas das administracións públicas. Porén, denuncian que a práctica diaria no Concello de O Vicedo está moi afastada do que marca a normativa. Exemplos como o atraso de case dous meses na entrega das actas da Xunta de Goberno, a tardanza en facilitar documentos como o Plan de Prevención contra Incendios ou a inexistencia das bases das Escolas Deportivas amosan, segundo indican, unha xestión marcada pola opacidade e a improvisación.
Neste contexto, os socialistas explican que, “desde a oposición carecemos de acceso directo á aplicación municipal de xestión administrativa (Gestiona), polo que só podemos recibir documentación cando o equipo de goberno decide enviala”. Esta limitación tradúcese en atrasos constantes, semanas de espera por respostas a correos electrónicos e mesmo a necesidade de solicitar impresións en papel ou copias escaneadas, cando o sistema xa permite un acceso dixital inmediato e seguro.
“Os representantes municipais chegamos a coñecer asuntos relevantes unicamente a través das Xuntas de Goberno Local, das que non formamos parte, ou mesmo pola prensa”, denuncian os socialistas, que consideran que isto constitúe unha “anomalía democrática”.
Desde a agrupación subliñan que “non pode ser que os representantes municipais se enteren dos asuntos pola prensa antes de que se lles dea traslado oficial. Os concelleiros deben dispoñer da información en tempo e forma para exercer a súa función de control e para garantir que o Concello actúe con transparencia”.
A moción do PSdeG propón medidas concretas para reverter esta situación, como a publicación dos bandos na sede electrónica, a entrega da documentación no prazo máximo de cinco días hábiles, a corrección das deficiencias actuais na páxina web e no portal de transparencia e a convocatoria de xuntas de portavoces en asuntos de especial relevancia para a veciñanza.
“Buscamos que se garanta un acceso á documentación inmediato e transparente, que permita á oposición desenvolver o seu labor e que asegure á veciñanza un Concello máis claro e respectuoso coa lei”, conclúen os socialistas.