Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vencello esíxelle ao Concello de Burela máis información sobre a obra de Curros Enríquez

Burela, 16 de setembro de 2025. Dende a asociación de veciños O Vencello queremos poñer de manifesto o noso rexeitamento polo proceder do Goberno Municipal no que atinxe ás obras de remodelación que está a realizar na rúa Curros Enríquez.

Descoñecemos a que se debeu que o Concello anunciase con apenas 48 horas de antelación -e cun fin de semana de por medio- o inicio das obras (o anuncio fíxose un venres e as obras comezaron o luns), máxime tendo en conta de que se trata dunha actuación moi importante que afectará a toda a circulación viaria do centro urbano e que condicionará o porvir de todo o municipio.

Este escurantismo resúltanos aínda máis curioso cando levamos comprobando nestes dous anos e medio de lexislatura como outras moitas actuacións municipais si que foron anunciadas e publicitadas con antelación polo Concello, sen que -curiosamente- se saiba nada máis ca o seu anuncio (a regulación das vivendas de uso turístico, o traslado do mercado semanal, ou a resolución da titularidade do cemiterio da Puída por poñer algúns exemplos).

A falta de información oficial desta obra comeza pola ausencia do obrigado cartel informativo no que debería figurar o número de licencia, o seu orzamento, financiamento, director de obra, prazo de execución, etc.

Sería bastante esclarecedor poder ter ese cartel, sobre todo despois de ler na nota de prensa do Concello que as obras comezarían o 1 de setembro e que os traballos terían unha duración de tres meses, pero comprobar despois na Plataforma de Contratación do Sector Público que o prazo de execución da obra é “do 01/07/2025 ás 00:00 durante 4 Meses”.

– Quere isto dicir que a empresa adxudicataria ten de prazo catro meses para facer a obra a partires do 1 de xullo?

– Ou o prazo son 4 meses desde o inicio real das obras (1 de setembro)?

– E en todo caso, por que o Concello afirma nos medios que os traballos se prolongarán un mes menos do que figura no prego de adxudicación oficial?

Tampouco estaría de máis que os responsables municipais lle explicaran con claridade á opinión pública cal é a solución que pretenden dar á eliminación total de prazas de aparcamento que implica esta remodelación.

O único que sabemos sobre isto é o que di o Concello nas súas Redes Sociais, onde afirma que esta supresión de estacionamentos vaise compensar coa apertura dun novo aparcamento con máis prazas das que se eliminan, pero en ningún momento di onde estará situado nin cando estará operativo; e tampouco concreta porque non habilitou o devandito aparcadoiro antes de comezar as obras.

A que ven esa falta de precisión do Concello na súa información? Seica creen que os veciños non somos o suficientemente capaces de asimilar todos os datos e pormenores e por iso se limita a darnos a mensaxe que a eles lles parece? Por todo isto pedímoslle que informe detalladamente á cidadanía, porque as obras desa rúa afectan a todos os veciños e visitantes de Burela.

Por último, queremos lembrarlles aos nosos responsables municipais que Burela ten outras moitas rúas que necesitan tamén dunha remodelación, e si o que pretenden realmente é avanzar na humanización e na accesibilidade teñen unha oportunidade de demostralo rematando dunha vez por todas os dous tramos de beirarrúas que faltan de facer na parte leste da travesía xeral á altura do Perdouro e diante de Construdeco. Pola falta deses escasos 150 metros de beirarrúas os peóns que adoitamos camiñar por esa zona vémonos obrigados a cruzar ata en dúas ocasións a calzada co conseguinte risco que supón para a nosa integridade.

Exit mobile version