Site icon Crónica3.com A Mariña

Os ‘Plans con corazón’ continúan os vindeiros días en Alfoz, Xove, A Pontenova e Cervo

A Mariña, 9 de setembro de 2025. Os Plans con corazón continúan este venres, 12 de setembro, con actividades para explorar o xeodestino A Mariña Lucense, da man de guías locais expertos coñecedores do territorio.

Os plans terán lugar os días 12, 13, 14 e 15 de setembro nos municipios de Alfoz, Xove, A Pontenova e Cervo, respectivamente. Os participantes terán a oportunidade de desfrutar de plans moi especiais cos que adentrarse na historia e na paisaxe destes lugares da man dos guías locais.

Alfoz-Venres 12 setembro
Alfoz: a vida no río dourado con Ana Pena
Ruta ao carón do río Ouro para coñecer os vestixios históricos que garda, así como a natureza do ecosistema fluvial. O paseo culminará na recoñecida Finca Galea, espazo de harmonía e respecto polo medio, onde se realizará a “cerimonia do caldeiro máxico” da man de Lidia e Nines.

Xove-Sábado 13 setembro
A Cruz do Pau da Vella, xeografía mítica con Boris Vilar
Un percorrido polo sur dos montes de Buio para descubrir tanto unha planta carnívora propia destas terras altas como unha variedade faunística do máis especial. Visita ao Pau da Vella, marco histórico entre concellos e fonte inesgotable de lendas. Como anfitrión local estará a Asociación Cultural-Deportiva de Xove, clave pola súa contribución á conservación do patrimonio.

A Pontenova-Domingo 14 setembro
A Pontenova: de cotío pola fraga con Ana Pena
Percorrido de 9 quilómetros pola Ruta da Seimeira para explorar a rica biodiversidade do lugar. No traxecto atópanse aldeas tradicionais que conservan a esencia do territorio a través da súa arquitectura popular.

Cervo-Luns 15 de setembro
Sargadelos: do continente ao contido con Noela Feal
Unha viaxe no tempo ao longo da historia da cerámica de Sargadelos, dende as instalacións da actual planta de produción ata o Museo Histórico, para afondar nas raíces e evolución deste innovador e icónico proxecto industrial. Inclúea visita ao obradoiro de Marmeladas A Morena, membro do Colectivo de Gastronomía da Mariña.

Información e reservas

Plans con corazón é un programa promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Aínda quedan algunhas prazas libres para estas actividades e para as programadas nas seguintes semanas, polo que as persoas que o desexen poden reservara súa praza a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon

As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía dos 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición grupal para un máximo de 5 persoas), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.

Entre o 5 de setembro e o 12 de outubro desenvólvense as 16 rutas e visitas guiadas polos 16 concellos, cunha variedade de propostas e percorridos que abranguen desde contornas urbanas ata espazos rurais, desde o litoral ata a Serra do Xistral, nunha iniciativa coa que coñecer o territorio e desfrutar actividades de lecer singulares.

Exit mobile version