Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Mondoñedo demandan ao goberno local medidas urxentes para mellorar as instalacións municipais da nave do Coto

Avanzan que reclamarán “a limpeza na nave municipal para garantir a seguridade laboral. Xa que é tal como puidemos comprobar “in situ”, presentan un lamentable estado de abandono e son un foco de insalubridade para os traballadores e a veciñanza”

Mondoñedo, 19 de setembro de 2025. Os Socialistas de Mondoñedo demandarán ao Goberno do PP, no vindeiro pleno, que tomen medidas urxentes para organizar, limpar, adecentar e ordear as instalacións municipais, que se atopan na nave do Coto da Recadieira. “Xa que é tal como puidemos comprobar “in situ”, presentan un lamentable estado de abandono e son un foco de insalubridade para os traballadores e a veciñanza en xeral”.

Advirten que “o panorama nestas instalacións municipais, que son esenciais para o funcionamento do Concello, son bastante lamentables”. Xa que segundo sinalan, “existe unha excesiva acumulación de lixo, materiais reciclados, colchóns, vehículos deteriorados e outros residuos, que non só compromete a seguridade dos traballadores municipais, senón que tamén transmite unha imaxe de desleixo institucional que non representa o esforzo e dignidade da veciñanza de Mondoñedo”, explican dende o PSdeG.

“Polo tanto, demandaremos a correcta xestión deste nave, xa que é fundamental para garantir a operatividade dos servizos municipais, así como garantir a seguridade laboral dentro da mesma”.

Contestación ao PP

Por outra banda, dende o Grupo Socialista de Mondoñedo lembran que o seu compromiso coa cidade, coas parroquias e coa veciñanza “vai máis alá das fotos e das críticas. A nosa labor como oposición é precisamente fiscalizar, propoñer e esixir que os servizos públicos funcionen coa máxima eficacia e transparencia. E hoxe podemos dicir, que por fin, o río dos Muiños xa ten auga. E dende aquí queremos insistir na proposta que lanzamos para que o Concello “cree un grupo de traballo, coas administracións competentes, incluíndo á veciñanza, para darlle unha solución definitiva a esta problemática. Son os técnicos os que teñen que atopar unha solución”, insisten.

A democracia non se entende sen a crítica

Lamentan profundamente que o PP recorra a descualificacións persoais e xeneralizacións como “a peor oposición da historia de Mondoñedo”. “Este tipo de afirmacións non contribúen ao diálogo democrático nin ao progreso da cidade”, advirten. “Por iso, dende o PARTIDO SOCIALISTA OBREIRO ESPAÑOL, un partido que nace con profundas convicións DEMOCRÁTICAS, emprazamos ao PP, a mudar a súa errada estratexia política na nosa cidade. A democracia non se entende sen a crítica: escoitar, aceptar e responder ás demandas da cidadanía é a base do bo goberno”. Polo tanto, “en vez de atacar, convidámolo a abrir espazos de colaboración real, onde todas as forzas políticas e o tecido social poidan aportar ideas e solución”.

Por último, avanzan que “seguiremos traballando con rigor e responsabilidade, propoñendo medidas concretas e esixindo que Mondoñedo avance con transparencia, respecto institucional e atención ás necesidades reais da veciñanza”, conclúen.

Exit mobile version