Ás 21:15 horas, un particular contactou co 112 Galicia para informar de que unha lancha daba voltas sobre si mesma sen tripulantes na zona da praia de Fornos, na Pedra (Cariño). Durante a chamada, o alertador sospeitaba que algunha persoa puidera ter caído ao mar.
De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitou a colaboración de Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil e o GES de Ortigueira. Salvamento Marítimo mobilizou a embarcación Salvamar Shaula, mentres que Gardacostas despregou o helicóptero de rescate Pesca II.
Con todo, pouco despois outro particular comunicou ao 112 Galicia que o home fora xa localizado e recollido por unha embarcación particular, que o trasladou ao porto de Ortigueira. O implicado non precisou asistencia sanitaria.