O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que formaron en total a 36 persoas desempregadas en especialidades relacionadas coa construción, limpeza, xardinaría e dinamización cultural
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, ratificou durante o acto a validez destas iniciativas mixtas de formación e emprego, “que proporcionan a persoas desempregadas un contrato de traballo e experiencia laboral en oficios con demanda no mercado de traballo, ao tempo que executan obras e realizan proxectos que quedan para a veciñanza”.
Neste caso suman 36 participantes, dos que 16 son menores de 30 anos e corresponden ao programa para persoas mozas “Máis emprego”, e o resto ao obradoiro dual “Constrúe en verde”.
O alumnado do primeiro distribuíuse a partes iguais entre as especialidades de xardinaría e dinamización cultural. En ambos concellos acondicionaron zonas verdes, parques e xardíns, programaron actividades socioculturais e impulsaron o proxecto de animación físico-deportiva “Paseando pola vida”, entre outras tarefas.
Pola súa banda, o obradoiro dual impartiu as especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais. A Xunta incluíu 30.000 euros para incentivar ao seu remate a contratación dos 20 participantes en empresas da contorna, por unha duración mínima de tres meses a xornada completa.
Acometeron traballos de conservación e recuperación da muralla do Forte de San Damián, o acondicionamento das antigas escolas de Vilamar ou do antigo edificio do Motor club, entre outros, así como a limpeza de rúas, praias e instalacións municipais.
A Xunta financiou no último ano 18 obradoiros de emprego na provincia de Lugo cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros, que implicaron a 46 concellos e melloraron as oportunidades laborais de máis de 350 persoas desempregadas.