Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo prepárase para acoller este domingo unha das grandes citas do deporte de obstáculos coa Heroican Race 2025

Ribadeo, 25 de setembro de 2025. O vindeiro domingo 28 de setembro, Ribadeo volverá converterse en escenario de emoción e esforzo coa celebración da Heroican Race 2025, que alcanza xa a súa quinta edición e a cuarta nesta localidade mariñá.

A competición reunirá a máis dun milleiro de persoas entre corredores, acompañantes e persoal da organización. Os participantes deberán enfrontarse a un percorrido de 10 quilómetros con preto de 30 obstáculos deseñados para poñer a proba tanto a capacidade física como a fortaleza mental dos corredores. A proba combina resistencia, forza e estratexia nun formato que se consolidou como unha das experiencias deportivas máis espectaculares de Galicia.

A Heroican Race está organizada pola Asociación Gallaecia Extrem Race e o grupo de xestión deportiva BeOne, e conta este ano co apoio de Xunta de Galicia, Concello de Ribadeo, Matrix, Eciman, Aerobic&Fitness, I-Nerxia, 43N Arquitectura, ACISA Ribadeo, Gadis, El Progreso, Estrella Galicia e Nutrisport.

Ademais da competición nas categorías elite masculina e feminina e na popular competitiva, a cita enmárcase na liga Española AOCO (Asociación de Organizadores e Clubs de Obstáculos de España), o que asegura un gran nivel deportivo e a presenza dalgúns dos mellores especialistas nacionais.

A entrega de premios, na que participarán o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, o CEO de BeOne, Roberto Ramos, e representantes dos patrocinadores, poñerá o broche de ouro a unha xornada que atraerá a un numeroso público.

A Heroican Race 2025 volve así a confirmar o seu espírito: unha cita que non só mide a condición física, senón tamén a capacidade de superación e o traballo en equipo.

Exit mobile version