O alcalde, Dani Vega, amósase moi satisfeito por este recoñecemento: “moi satisfeitos e moi contentos de que a Xunta destacara que o Concello de Ribadeo é a institución municipal, é o Concello de toda Galicia que mellor xestionou o deporte. Iso non é grazas simplemente ao Concello, ao técnico de Deportes (Iván) ou a Fran, o concelleiro de Deportes, é porque é un traballo conxunto coas entidades, cos clubs, coas asociacións que fan un traballo constante e continuo, que poñen parte do seu tempo, da súa vida persoal, á que lle sacan horas para entregarllas ao deporte e a tantas nenas e nenos que están na práctica deportiva”.
O rexedor declarou: “moitas grazas a todos porque realmente sodes os merecedores desta condecoración ou poñer de manifesto que si facemos as cousas conxuntamente saen mellor. O Concello fai todo o posible, é verdade que custa moito porque o orzamento é o que é e temos que chegar a todos. Con traballo continuo e con esa dedicación permanente Ribadeo vai seguir poñendo de manifesto que o deporte é algo fundamental, que é algo moi importante. E eu creo que unha institución teno que xestionar ben e isto o que nos acredita é que nestes dous anos houbo un incremento das actividades deportivas. Nosoutros pensamos e defendemos que o deporte é algo estratéxico, a práctica do deporte é fundamental, pero tamén hai que velo como un elemento dinamizador da vila e fundamental para Ribadeo”.
Vega dixo que “entre todos seguiremos traballando. Felicitar a todas as entidades deportivas, clubs, asociacións. Felicitar tamén a Iván, o técnico de Deportes e a Fran, o concelleiro, porque así é como se fan as cousas conxuntamente e seguir loitando para continuar mellorando as instalacións. Nestes momentos estamos mellorando o pavillón da rúa Alfredo Deaño e tamén hoxe anunciamos a mellora de toda a instalación do pavillón de Cubelas, é dicir nova cuberta, novo alumeado, pintado da pista e novo cerramento dos laterais. Así é como se deben facer as cousas, non tan rápido como queremos, pero si pouquiño a pouco poñendo todo o orzamento e destacar que a Xunta de Galicia nos axuda moitísimo a que isto sexa posible. Seguir así, traballando que así é como Ribadeo avanza”.