As sesións desenvolveranse de xeito descentralizado nas diferentes parroquias. O programa comezará o martes 23 de setembro na antiga escola de Vidal ás catro da tarde e, ás seis da tarde, no Teleclube de Sante. O mércores 24 de setembro, as actividades terán lugar na antiga escola de Valboa ás catro da tarde e, ás seis, na Casa da Cultura de Trabada.
Finalmente, o xoves 25 de setembro, o Teleclube de Vilapena acollerá unha sesión ás catro da tarde, mentres que a Escola de Abres recibirá aos participantes ás seis da tarde.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou que “despois de iniciar o curso escolar, tamén damos comezo ao curso de actividades para os nosos maiores. Se hai uns días puxemos en marcha as clases de pilates, agora ofrecemos este programa de terapia ocupacional, que percorrerá as parroquias con diferentes actividades adaptadas a eles”.
García subliñou que se trata dun programa totalmente gratuíto para os veciños e veciñas de Trabada, que se prolongará ata o mes de xuño: “A nosa prioridade é coidar das persoas maiores, ofrecéndolles alternativas de ocio saudable, de socialización e de mellora física e cognitiva, sen custo algún para eles”.
Con esta iniciativa, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso de achegar servizos e programas de apoio á veciñanza, promovendo un envellecemento activo e saudable en todo o territorio municipal.