Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha vintena de produtores e alumnos do IES San Rosendo de Mondoñedo participan no curso de apicultura promovido pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación

Mondoñedo, 22 de setembro de 2025. O deputado Daniel García achegouse este mediodía ao IES San Rosendo de Mondoñedo, onde esta mañá se desenvolveu a primeira xornada do curso de instalación de colmeas organizado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Nesa primeira sesión, a formación afondou en aspectos a valorar na elección das ubicacións como os tipos de floración, a orientación ou a preparación do chan. O curso completarase mañá coa instalación dun apiario didáctico cuberto, que quedará como espazo de formación e investigación para apicultores da comarca e para o alumnado do centro educativo, no que se imparte un ciclo de xestión forestal e se desenvolven proxectos de educación ambiental como Rebinxe.

O curso forma parte do programa de formación en apicultura que a área de Rural ven desenvolvendo nos dous últimos anos da man da Casa do Mel, enfocados na ampliación e actualización de coñecementos das apicultoras e apicultores. Ademais de Mondoñedo, Barreiros, Cervantes, Vilalba e Pantón acolleron nos últimos meses estas actividades formativas.

Exit mobile version