Site icon Crónica3.com A Mariña

Vegadeo vístese de vermello para recibir á Volta Ciclista a España 2025

Vegadeo, 1 de setembro de 2025. O vindeiro domingo 7 de setembro, Vegadeo será protagonista do deporte internacional ao acoller a saída da etapa 15 da Volta Ciclista a España 2025. Un acontecemento histórico que situará á vila no mapa deportivo e mediático mundial.

Con motivo desta cita, o Concello puxo en marcha unha campaña especial para encher de cor e ambiente festivo as rúas, implicando ao tecido comercial e a toda a cidadanía baixo o lema: “Vegadeo coa Volta”.

Para lograr que a vila se tinga de vermello, lanzouse unha promoción que premiará as compras nos comercios locais:

Quen realice compras iguais ou superiores a 50 € en calquera establecemento de Vegadeo, entre o 26 de agosto e o 6 de setembro, poderán recibir @gratuitamente unha camiseta conmemorativa.

Os tickets deberán presentarse na Oficina de Turismo, dentro do seu horario habitual.

Non hai límite de camisetas por persoa: cada compra igual ou superior a 50 €, ou a suma de varios tickets que alcancen esa cantidade, dará dereito a unha nova peza.

Horario de entrega na Oficina de Turismo

Martes a sábado: de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h
Domingos: de 10:00 a 14:00 h
Luns: pechado

A promoción manterase activa ata o 6 de setembro ou ata fin de existencias.

O alcalde de Vegadeo destacou que “a Volta é moito máis que deporte: é unha oportunidade única para proxectar a imaxe de Vegadeo, dinamizar a economía local e mostrar a hospitalidade da nosa xente. Queremos que veciños e visitantes vivan a xornada vestidos de vermello, como símbolo de unión e entusiasmo por este gran acontecemento”.

A celebración da Volta Ciclista en Vegadeo enmárcase dentro da estratexia do Concello para impulsar o comercio local, atraer visitantes e consolidar á vila como referente na organización de grandes eventos deportivos e culturais.

Para máis información sobre a campaña ou a entrega de camisetas, pódese contactar coa Oficina de Turismo de Vegadeo.

Exit mobile version