Site icon Crónica3.com A Mariña

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán o domingo en San Miguel de Reinante, no ciclo Polavilas no paraíso da Vicepresidencia da Deputación

O concerto contará coa participación do grupo de música tradicional O Arco da Vella

Barreiros, 29 de setembro de xullo de 2025. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán o domingo 5 de outubro en San Miguel de Reinante, en Barreiros, dentro do ciclo Polavilas no paraíso promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A actuación, ás 13.00 horas na pista da festa de San Miguel, coincide coa celebración das festas de San Miguel, un contexto elixido para achegar a música tradicional e en galego a todos os públicos.

O concerto contará coa participación do grupo de música tradicional O Arco da Vella, que acompañarán a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre nalgúns dos temas do repertorio, un repaso aos seus últimos catro discos – The Tambourine Man, Noró, As Catedrais silenciadas e Axúdame a sentir- que teñen a pandeireta como instrumento central.

O deputado de Mocidade Daniel García destacou que “o concerto pecha un ciclo de actuacións que promovemos desde a Vicepresidencia da Deputación para achegar a todos os públicos, máis aló dos circuítos de festivais e dos grandes eventos musicais, o gran momento que vive a nosa música da man de artistas como Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que lle deron un novo pulo á tradición”

O responsable provincial destacou a necesidade de “fórmulas de colaboración entre institucións e tecido asociativo para que actuacións de grande formato como esta sexan posibles tamén nos concellos máis pequenos, facilitando o acceso a cultura en todo o territorio”.

A alcaldesa, Ana Ermida, sinalou que “será un orgullo acoller por primeira vez en Barreiros a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, coas que nos sentimos especialmente conectadas polas raíces barreirenses dunha das súas compoñentes, Iria Penabad” e encadrou o concerto na “aposta do concello por seguir impulsando unha axenda cultural para todos os públicos que poña en valor os nosos sinais de identidade”

A actuación en San Miguel de Reinante completa o ciclo Polavilas no paraíso, tras os concertos de Samos e Castroverde.

Exit mobile version