Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira do Medio Rural destaca a calidade da faba de Lourenzá amparada pola indicación xeográfica protexida

Lourenzá, 4 de outubro de 2025. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á XXXIII Festa da Faba de Lourenzá, onde destacou a calidade da produción amparada baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Sinalou que, segundo os datos recollidos durante o ano 2024, esta IXP acadou unha produción comercializada de case 14.000 quilogramos.

Gómez lembrou que este ano a Xunta convocou achegas para esta IXP coa finalidade de cubrir parcialmente os sobrecustos que implica producir este feixón galego con estándares de calidade superiores aos comúns, a maiores de axudar a paliar os danos provocados polas choivas intensas de primavera de 2024 que afectaron á colleita. Esta convocatoria resolveuse cun investimento de 68.000 euros que percibiron todos os fabeiros que cumpriron os requisitos.

Seguindo esta liña, a conselleira afirmou que o Goberno autonómico apoia o sector da faba a través de medidas complementarias, como liñas de investigación a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e accións para o fomento da IXP e para impulsar a incorporación de produtores ao distintivo. Ademais, estase a traballar na posta en marcha de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes centros dependentes da Consellería, tomando como referencia o Pedro Murias no caso da faba. Precisamente, Gómez anunciou hoxe que este centro formativo acollerá un curso vinculado á faba os vindeiros días 7 e 8 de novembro.

Exit mobile version