Site icon Crónica3.com A Mariña

A II Mostra de Cantareiras/os de Cervo celebrarase este sábado

A cita, que terá lugar o 11 de outubro no Salón de Actos do Concello, enmárcase dentro do programa do 50 aniversario da Asociación Cultural Airiños do Xunco e pon en valor a tradición musical e cultural do noso territorio

Cervo, 7 de outubro do 2025. O Concello de Cervo convida á veciñanza e visitantes a asistir á II Mostra de Cantareiras/os de Cervo, que se celebrará o próximo sábado 11 de outubro ás 18:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Esta actividade forma parte dos actos conmemorativos do 50 aniversario da Asociación Cultural Airiños do Xunco, unha entidade de referencia no municipio e na comarca, que leva medio século traballando de xeito incansable na dinamización cultural e na preservación das tradicións musicais galegas.

Na mostra participarán A.C. Amado Lar (O Valadouro), A.C. Troula do Ortegal (Ortigueira), A.F. Arco da Vella (San Miguel de Reinante) e as anfitrioas Cordenaia (Cervo), que se xuntarán para ofrecer unha tarde chea de música tradicional galega e de reivindicación do papel das cantareiras/os na nosa cultura popular.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou a cita en compañía de Rafa, Isabel e Raquel Blas, e de Maite Rego, en representación de Ariños do Xunco, que organiza o evento coa colaboración do Concello de Cervo, e destacou que “a posta en valor da cultura e das tradicións propias é unha ferramenta fundamental para fortalecer a identidade colectiva e para transmitir ás novas xeracións un patrimonio que é de todos e todas”.

E quixo recoñecer especialmente o papel de Airiños do Xunco, que ao longo destes 50 anos se ten convertido nun símbolo de compromiso, entrega e paixón pola música tradicional e pola cultura galega.

O Concello de Cervo anima a toda a cidadanía a participar nesta II Mostra, que promete ser unha celebración única da nosa música e do noso patrimonio cultural.

Exit mobile version