Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita por preto de 7,5 M€ a obra de mellora do abastecemento de auga a Ribadeo e a Trabada

Entre os traballos a executar destaca a construción dunha condución de 15 km, paralela á actual, entre os depósitos de Vilarbetote e Loureiro

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025. A Xunta vén de licitar por preto de preto de 7,5 millóns de euros a obra de mellora do abastecemento de auga a Ribadeo e Trabada, actuación que beneficiará a unha poboación potencial de preto de 10.000 habitantes dos dous municipios lucenses. As empresas interesadas en optar a este contrato teñen de prazo ata o día 11 de novembro para presentar as súas ofertas e o prazo de execución previsto é de 15 meses.

O obxectivo desta actuación é corrixir o deterioro da rede de abastecemento existente —construída fai 40 anos— así como as avarías e roturas que sofre e que impiden que se poida garantir a cobertura da demanda de auga actual. A execución dunha nova rede de abastecemento atravesará ambos concellos e mellorará o subministro de auga potable na zona, sobre todo no caso de Ribadeo.

Para tal fin, a achega da Xunta, a través de Augas de Galicia, será do 80% —con cofinanciamento da UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027— mentres o Concello de Ribadeo asumirá o 20% restante e o de Trabada, porá á disposición os terreos necesarios para a execución das obras.

A licitación, por procedemento aberto, prevé toda unha serie de intervencións en ambos municipios que terá como actuación principal a execución dunha nova condución de fundición de 15 quilómetros entre o depósito de Vilarbetote (no concello de Trabada) e o depósito de Loureiro (Ribadeo), coa que pretende mellorar a rede de abastecemento a Ribadeo e discorrerá en paralelo á tubaxe xa existente. Ademais, a futuro, as obras novas poderán darlle servizo tamén aos veciños de Trabada.

Colaboración cos concellos

Esta actuación enmárcase na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos —que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración— para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga e un orzamento global de Augas de Galicia de 144 millóns de euros. Este investimento permitirá seguir optimizando o saneamento e o abastecemento municipais mediante a mellora das infraestruturas, da formación e da divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático no eido dos recursos hidráulicos.

Exit mobile version